XANTAR, ACTUACIÓNS MUSICAIS E UNHA FESTA PARA A RAPAZADA: ASÍ SERÁ A FESTA DO MAGOSTO E SAMAÍN DE CARRAL

Carral teno xa todo preparado para vivir as festas do Magosto e do Samaín por todo o alto. A cita terá lugar o sábado, 29 de outubro, no Campo da Feira, e ofrecerá alternativas de lecer para veciños e veciñas de todas as idades. Deste xeito, haberá xantar, actuacións musicais e unha festa con diferentes alternativas de lecer para a rapazada.

A xornada arrincará a partir das 14.30 horas co xantar, composto polo seguinte menú: empanada, mexillóns, lacón asado, sobremesa e café. A comida estará amenizada pola actuación musical de Ivan Van Band.

A festa de Samaín comezará en horario de tarde, prolongándose entre as 17.00 e as 20.00 horas. Durante ese período haberá obradoiros de maquillaxe e de zonchos, cucuruchos de castañas, inchable interactivo zombie, etc. A cita incluirá a representación do conxuro da queimada e outras moitas sorpresas. Na xornada haberá tamén un castañeiro.

As prazas para a comida son limitadas, polo que as persoas que desexen asistir deberán reservar a súa praza no teléfono 981 67 25 80. O período de inscrición estará aberto desde mañá, mércores 19 de outubro, ata o día 27.