UN ENCONTRO CON POETAS INICIA A CELEBRACIÓN DOS 25 ANOS DO PREMIO CONCELLO DE CARRAL

Os poetas Manuel López Rodríguez, Lucía Novas e Eduardo Estévez manterán unha conversa moderada pola crítica literaria Inma Otero para falar sobre como lles influíu na súa traxectoria literaria gañar o Premio de Poesía Concello de Carral, ademais de abordar outros temas sobre a poesía, o sistema literario galego, os lectores…

Conversa con poetas, que é o título desta actividade, terá lugar o venres 27 de xaneiro ás 20:15 h. na Casa da Cultura con aforo limitado, polo que é necesario reservar asento chamando ao 981 672 580.

Este evento é o primeiro de moitos que está a preparar a concellería de Cultura do Concello de Carral para celebrar que chegue a 25 edicións, converténdose nun dos premios de poesía máis veteranos e prestixiosos de Galicia. Entre as actividades previstas están a convocatoria do concurso cunha maior dotación económica, concurso para escolares de primaria e secundaria, obradoiros de poesía para nenos, mozos e adultos, exposicións sobre os 25 anos do concurso, homenaxes con escolares nas rúas Rosalía de Castro e Uxío Novoneira, xornadas de análise da poesía galega, así como espectáculos vencellados coa creación poética.