Tag Archive for: cultura

Cartel Noite de Película 2019 trazadoO Campo da Feira de Carral volve ser o lugar que acolla as proxeccións do programa Noite de Película que organiza o departamento municipal de Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña.

Serán catros os filmes que se presentarán, sendo dous deles de produción galega:

  • Lobos sucios: xoves 29 de agosto
  • Peter Rabbit: venres 30 de agosto
  • La sombra de la ley: luns 2 de setembro
  • Campeones: martes 3 de setembro

Todas as proxeccións serán ás 22:00 h. e o acceso para o público é de balde.

No caso de meteoroloxía desfavorable, as películas exhibiranse no edificio social Toñito Espiñeira.

Recoméndase aos pais prestar atención ás idades recomendadas para cada filme.

 

 

O docente da escola municipal de Fotografía de Carral, Cándido Díaz, ofrece un curso dun día facendo paseos fotográficos por Carral.

A actividade, que se realizará en dúas ocasións o 13 de xullo e o 3 de agosto, desenvolverase por lugares como a Costa da Egua, San Pedro de Rubieiro e polo río Barcés. Esta dirixida a afeccionados de todos os niveis e ten un prezo por alumno de 20 €.

Para máis información e inscrición as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral.

Este curso forma parte dunha serie de accións formativas relacionadas coa fotografía nas que colabora a Concellería de Cultura do Concello de Carral.

cartel roteiros fotograficos_w

A pasada semana tivo lugar a clausura das actividades do club de lectura de Carral deste curso 2018/2019.IMG-20190619-WA0009

O club de lectura, que comezou a súa andaina hai dous anos, forma parte das actividades desenvolvidas dende a Biblioteca Municipal e na actualidade está formado por quince participantes que se reúnen dúas veces ó mes.

Será no vindeiro mes de outubro cando retome a súa actividade con novas lecturas.

no way carral baixaO fotógrafo coruñés Xavi Gantes expón na sala do edificio social Toñito Espiñeira ata o 2 de xullo. A mostra, titulada No way, ofrece imaxes de rúa, na que os sinais de tráfico protagonizan o significado de cada obra. Gantes manexa a xeometría, a cor e a luz para que cada fotografía se converta nunha obra atractiva desde o estético e o conceptual.

Xavi Gantes ofrecerá unha visita guiada ás persoas que se acheguen á exposición o mércores 19 de xuño, entre as 20:00 e as 20:30 h. Esta actividade permite aos interesados na mostra, coñecer os procesos creativos e os motivos inspiradores de cada obra, comentados polo propio autor. O diálogo coas persoas asistentes contribúe a un maior desfrute e comprensión da exposición,

Na fin de semana do 29 e 30 de xuño, Gantes ofrece tamén un curso de fotografía de rúa. Terá lugar na Casa da Cultura de Carral, cunha sesión o domingo pola feira. Está dirixida a persoas de calquera nivel de dominio da fotografía e que dispoñan de cámara. As sesións do curso serán o sábado pola mañá e a tarde e domingo pola mañá. O prezo do curso, no que colabora a Concellería de Cultura do Concello de Carral, é de 40 euros. As inscricións deberán facerse na Casa da Cultura (tel. 981 672 580).

Unha vez rematado o curso 2018-2019 das escolas culturais municipais, o alumnado de Fotografía presenta parte dos seus traballos na sala de exposicións do Edificio Social Toñito Espiñeira.

A mostra estará aberta ao público ata o mércores 5 de xuño.

foto para exposición fotografía

PHOTO-2019-05-29-21-13-32

 

Cartel Acto poesía 2019.A Casa da Cultura de Carral acollerá este venres, ás 20:00 h, o acto do 22º Certame de Poesía Concello de Carral, no que se lle entregará o premio a Xurxo Alonso por gañar esta edición co seu libro En luz escrita, e no que tamén se presentará a publicación do libro gañador do ano pasado, As bicis de Xabier Cid.

O acto estará presidido polo alcalde en funcións José Luis Fernández Mouriño, e contará tamén coa participación do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e de Inma Otero, membro do xurado da presente edición.

Teatro do Atlántico pechará o acto co espectáculo poético musical De abrentes e ocasos, facendo un percorrido por poemas dalgúns dos nosos autores e autoras galegas máis significativas, coa música en directo ao piano de Nani García.

Como en edicións anteriores deste premio, o Concello de Carral, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, agasalla aos asistentes o libro que se presenta. Nesta ocasión Xabier Cid poderá dedicarllo aos participantes no acto.De abrentes e ocasos

Nesta semana tamén se están facendo os actos de entrega dos premios dos concurso escolar e xuvenil de poesía, no que se presentaron un total de 28 obras. Os actos estanse a facer nos centros de ensino, no que se premian os tres mellores poemas de cada categoría e no que se fai entrega a todos os participantes de agasallos consistentes en libros e discos cedidos pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e do propio Concello de Carral.

Xurxo Alonso, coa súa obra En luz escrita resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.

Xurxo AlonsoO xurado salienta neste poemario a súa sólida arquitectura, a forza intensional do conxunto e a admirable estratificación conceptual do discurso, inzado de citas, homenaxes e intertextualidades que entroncan este texto coa mellor tradición galega e foránea. Tamén si, o xurado destacou a singular voz poética que espella nun léxico celmoso, o perfilado de visopoemas que recrean unha moi particular e xenuína atmosfera luminosa e a concepción xeral do poemario como un mecano de magnífica orquestración sinfónica.

No ano 2004, Xurxo Alonso xa gañara este premio co libro Breviario de Aldemunde.

O xurado do concurso estivo formado por Inma Otero, Armando Requeixo e Xabier Cid, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 44 poemarios.

O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

Xurxo Alonso (Bos Aires, 1956) é pintor ademais de poeta. Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, formouse na súa faceta plástica nos obradoiros de importantes artistas como Josep Guinovart, Manuel Alcorlo, Bonifacio Alonso e Bruce McLean. No eido poético, Alonso ten obtido boa parte dos galardós máis importantes de Galicia: Francisco Añón (1998), Xoán de Requeixo (1999), Avelina Valladares (2000 e 2018), Feliciano Rolán (2001), Johán Carballeira (2001), Fermín Bouza Brey (2003), Concello de Marín (2007), Concello de Ourense (2016) e Díaz Castro (2018). O seu libro máis recente é No interior do vento, publicado por Edicións Fervenzas e que resultou gañador do Premio Avelina Valladares.

O acto de entrega do premio “Concello de Carral” terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2019. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, As bicis de Xabier Cid. Como remate a esta homenaxe á poesía, a compañía Teatro do Atlántico presentará o seu espectáculo poético De abrentes e ocasos.

Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral,  a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.

O departamento de Cultura do Concello ven de instalar en diversos puntos de Carral, paneis divulgativos sobre Antonio Fraguas Fraguas, importante persoeiro da cultura galega ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Panel na Casa da Cultura Antón Fraguas - res baixaFraguas foi un dos principais investigadores nas áreas da historia, do folclore e da etnografía de Galicia. A súa obra é incontable e o seu activismo foi incansable, destacando como director do Museo do Pobo Galego, do que foi impulsor. En Carral o centro municipal de Formación leva o seu nome como recoñecemento á súa labor investigadora e divulgadora.

No mes das Letras Galegas. ademais dos paneis polas rúas, a Casa da Cultura acollerá unha exposición sobre Antón Fraguas, escolares de primaria e da ESO de Carral recibirán de agasallo da Concellería de Cultura exemplares dos libros Made in Galiza, de Sechu Sende, e O fillo do Rei e outros contos populares, e serán espectadores de Canta miña pedra canta a cargo de Xoán Curiel e Charo Pita, e de Language Planning de Os Quinquilláns.

O premio de poesía Concello de Carral é outro dos eventos importantes que se leva a cabo no marco das Letras Galegas. A vindeira semana o xurado elixirá a obra gañadora da 22ª edición do certame, facendo entrega do premio no acto que terá lugar o 31 de maio. O mesmo acto será o de presentación do libro As bicis, de Xabier Cid, gañador no 2018. Como colofón ao acto, actuará Teatro do Atlántico co seu espectáculo poético De abrentes e ocasos. Na mesma semana tamén terá lugar a entrega de premios e agasallos a todos os participantes dos concursos escolar e xuvenil de poesía.

É un completo programa de actividades que servirá para contribuír ao coñecemento da figura de Antón Fraguas e de promoción da nosa lingua e literatura.

Ao igual que en edicións anteriores, a Festa do Pan de Carral acollerá unha carpa para a campaña Libros Solidarios que organizan as Bibliotecas municipais, na que se poderáFoto libros x alimentos 2015  facer o troco de libros por alimentos ou produtos de hixiene.

Durante case un mes numerosas persoas cederon libros para esta campaña, e na festa quen queira levar de balde algúns destes exemplares, poderao facer se cede produtos de alimentación non perecedeiros ou de hixiene persoal, que posteriormente serán xestionados polos Servizos Sociais municipais.

A carpa dos Libros Solidarios estará aberta de 11:00 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h.

alfonbraMaxicaO programa Papeques 2019 conclúe esta semana con dúas funcións que terán lugar na sala do edificio social Toñito Espiñeira de Carral.

Camiños é un espectáculo musical e un libro-disco a cargo de Magín Blanco, un dos mellores músicos e compositores de Galicia dedicados ao publico infantil e xuvenil. Camiños é unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos, para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos. Este espectáculo terá lugar o xoves 11 de abril, ás 18:00 h. e está dirixido a público infantil e familiar.

Títeres Babaluva presentará para bebés (de 0 a 3 anos) A alfombra máxica, un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfactiva onde a artista plástica convida aos máis pequenos e pequenas a mergullarse nunha viaxe sensorial. Xuntos descobren o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver, saborear… As prazas para asistir a este espectáculo sensorial son limitadas, polo que é necesario recoller previamente as entradas na Casa da Cultura. A alfombra máxica presentarase o venres 12 de abril ás 18:00 h.

Con estas dúas funcións finaliza a segunda edición deste ciclo de cine e espectáculos infantís, que ata o momento conseguiu un total éxito de público.