Tag Archive for: certame

Manuel María bnAlumnos de 1º a 4º do colexio Vicente Otero Valcárcel de Carral, puideron gozar na mañá de hoxe a obra teatral “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”, que a Concellería de Cultura do Concello de Carral programou no local Xente Nova de Tabeaio.

Esta representación de Trinketrinke Teatro da obra de Manuel María é un dos actos que o Concello de Carral ten previsto para conmemorar as Letras Galegas, que este ano se lle dedican ao escritor de Outeiro de Rei. As celebracións das nosas letras seguirán con obradoiros, contacontos, exposicións, o acto central do certame “Concello de Carral” de poesía, unhas xornadas sobre o teatro de Manuel María e unha excursión á casa natal do escritor chairego.

A semana pasada uns 200 alumnos do mesmo centro tiveron ocasión de ver a compañía Os Quinquilláns que representaron “O espantallo amigo” de Xosé Neira Vilas. Meses antes os nenos puideron ler este libro, que lles foi agasallado polo Concello de Carral.

Presentación Certame Poesía Carral 2016 -  - 08 - wO alcalde de Carral presentou esta mañá as bases da décimo novena edición do premio poético “Concello de Carral”.
José Luis Fernández Mouriño, acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou na Casa da Cultura a nova edición do certame poético, que continúa co obxectivo de contribuír ao descubrimento e consolidación dos autores en lingua galega.
O alcalde salientou a colaboración que ofrece a Consellería de Cultura e Educación, a través das súas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, que serve para que a Editorial Espiral Maior publique na súa colección de poesía o libro Soño e vértice de Eva Veiga, que obtivo o premio na pasada edición. O libro presentarase no acto de entrega do premio deste ano, previsto para o 27 de maio. Fernández Mouriño resaltou a traxectoria que leva acumulada o concurso, e a intención de fornecelo co aumento no premio económico que chega nesta edición aos 2.500 euros.
Pola súa banda Anxo Lorenzo resaltou tamén a traxectoria deste certame que está servindo para demostrar a consolidación dunha xeración de poetas que están nutrindo de saúde a literatura galega. Fixo fincapé que o certame de Carral, aínda que non é dos que teñen un premio económico dos máis elevados, si é dos que maior prestixio lle outorga a quen o recibe, dada a importante relación de autores e autoras gañadoras. Manifestou a vontade da Consellería de Cultura de apoiar este concurso dado o valor cultural que supón ofrecer posibilidades de publicar obra aos autores galegos á vez que se dá posibilidades á cidadanía para ler poesía.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernán Vello manifestou o especial cariño que lle ten a este concurso, xa que desde o seu nacemento estivo vencellado a el, vendo como foi medrando e como gran parte dos escritores galegos de éxito teñen no seu haber este premio. Salientou a circunstancia de que as tres últimas gañadoras foran mulleres e aproveitou a súa intervención para felicitar ao alcalde pola labor cultural que desenvolve o Concello de Carral, estando recoñecida na comarca coruñesa e en Galicia.
Esta nova edición do certame contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 9 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.
O premio entregarase o 27 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación do libro gañador da décima oitava edición do concurso, titulado Soño e vértice, do que é autora Eva Veiga.
Para ampliar información, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, ou a través da web carral.es.

Bases XIX Concurso de Poesía Concello de Carral

Portada libro O que precede a caída é brancoO alcalde José Luis Fernández Mouriño presidirá o acto de entrega do premio de poesía Concello de Carral, que terá lugar o venres 29 de maio na Casa da Cultura, ás 20:00 h.

No acto, no que tamén está prevista a asistencia do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, farase entrega do premio da 18ª edición do certame a Eva Veiga, que gañou co seu libro Soño e vértice. O premio consiste en 2000 euros e a publicación da obra por parte de Edicións Espiral Maior.

O mesmo acto servirá para presentar o libro que obtivo o premio no 2014, do que é autora Oriana Méndez e que se titula O que precede a caída é branco. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral na edición deste poemario, unha cooperación que se ven mantendo desde anteriores edicións do certame.

Ademais das autoras premiadas tamén estarán presentes o escritor e director de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e o crítico literario Fran Alonso. O acto pecharase coa actuación musical de Xoán Curiel.

O Concello de Carral agasallará aos asistentes co libro de Oriana Méndez.

Eva Veiga, coa súaVeiga_eva-web obra Soño e vértice resultou gañadora do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.

O xurado escolleu esta obra pola intensidade simbólica da súa proposta poética, unida ao cultivo extremo dunha lírica que mantén en todo momento unha tensión entre o real e o onírico.

Eva Veiga (1961. Ombre-Pontedeume) é xornalista e poeta. En 1985 comeza a traballar na TVG onde desenvolverá unha polifacética e intensa actividade profesional, sobre todo, na dirección e presentación de programas culturais. Un labor que lle valería algúns recoñecementos como o Premio Galicia de Comunicación. Xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, forma parte do grupo poético-musical Ouriol.

Ten publicado relatos en revistas, xornais e obras colectivas, así como a guía sobre Compostela, Santiago. Cidade de peregrinación (2002). Xunto a Ánxeles Penas, escribe o libro Alfonso Costa, un exhaustivo estudio da vida e obra deste artista. Ten publicados os libros de poesía: Fuxidios (1992), Paisaxes do baleiro (1999), A pedra insomne (2002), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006), Poemas do Eume (2009), A frecha azul do teixo (2010), Nesta hora imposible (2012) e A distancia do tambor (2014 – Premio Fiz Vergara Vilariño), publicación que acaba de recibir o premio da Asociación de escritores en lingua galega como mellor libro na modalidade de poesía.

O xurado do concurso estivo formado por Oriana Méndez, Miguel Anxo Fernán Vello e Nacho Alonso, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.

O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.

O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2015. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, O que precede a caída é branco de Oriana Méndez. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.