Tag Archive for: 25

O poeta vigués Carlos Penela Martín foi elixido gañador da 25ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral co libro titulado Trono e caléndula.

O xurado salienta do libro gañador a composición dos poemas cunha esixencia rítmica pouco común que se proxecta no lingüístico e no simbólico.

Carlos Penela conta xa cunha salientable traxectoria literaria, obtendo os premios Espiral Maior, Eusebio Lorenzo Baleirón en dúas ocasións, Caixanova, Miguel González Garcés e o accésit do premio Esquío de Poesía. Colaborou tamén con diversas revistas literarias e xornais como Grial, A Trabe de Ouro, Revista da AELG, xornal Nós… Xunto a esas publicacións, nos últimos anos foi publicando numerosos ensaios e artigos literarios e culturais desde os seus blogs, dedicados, fundamentalmente, a dar a coñecer a cultura de Europa Central ao público galego. Ademais diso, traduciu varios títulos de literatura portuguesa e alemá. Actualmente reside en Viena (Austria).

Para esta edición do premio o Concello de Carral configurou o xurado con Inma Otero, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Álex Mene. Como presidente actuou o concelleiro de Cultura Francisco Bello e como secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo.

Presentáronse a esta edición do premio un total de 44 libros.

O acto de entrega do premio terá lugar o venres 10 de xuño na Casa da Cultura, nun evento especial para conmemorar os 25 anos do certame, no que inaugurará unha exposición no Campo da Feira, a instalación nas luces públicas de Carral de lonas dedicadas a cada autor e autora que obtivo este galardón, a presentación do libro gañador na edición do 2021, Os puntos do impacto de Ález Mene, e os espectáculo poético e musical O idioma da tinta de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.