REGRESA O PREMIO DE FOTOGRAFÍA MANUEL FERROL, CON VONTADE DE CONSOLIDARSE COMO REFERENTE

Hoxe presentouse na Deputación da Coruña a IV edición do Premio de Fotografía ‘Manuel Ferrol’. Unha convocatoria organizada pola Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’, coa colaboración do Concello de Carral, apoiada pola área de Cultura provincial, que se recupera tras o paréntese do pasado ano por mor da crise sanitaria e da que se agarda que sexa refrendada cunha alta participación.

Participaron no acto o concelleiro de Cultura de Carral, Francisco Bello, a secretaria da Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’, Noemia Moar, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o membro do xurado, Víctor Echave.

Francisco Bello asegurou que “é un orgullo que as asociacións do concello se involucren activamente en iniciativas culturais” e puxo en valor a recuperación desta convocatoria. Tamén lembrou que coa selección dos traballos presentados se conformará unha exposición que poderá visitarse no Campo da Feira de Carral.

O concurso de fotografía nace, en palabras de Noemia Moar, para “reivindicar a figura e a obra dun fotógrafo representativo de toda unha época da cultura galega”. A secretaria da Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’ indicou que desde a entidade que representa traballan coa vontade de converter este premio “nun referente no mundo da fotografía a nivel de todo o Estado”.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, enmarcou o apoio da Deputación da Coruña a este certame na “filosofía de apoiar e visibilizar a obra de fotógrafos e fotógrafas actuais que, esperamos, se convirtan no equivalente ao ‘Manuel Ferrol’ do século XX”, na liña de “crear unha iconografía propia da nosa época actual”. Xurxo Couto salientou “a importancia capital que a fotografía e os fotógrafos, principalmente na segunda metade do século XX, tiveron na formación do patrimonio cultural do noso país”, e concretamente o peso específico de Manuel Ferrol “que non só documentou un dos dramas máis profundos do país, como foi a emigración, senón que tamén soubo trasladar unha gran sensibilidade artística ás súas imaxes e crear unha poética da vida cotiá daquel momento”. Un aspecto ao que tamén se referiu Víctor Echave, en nome do xurado do certame, quen non dubidou en cualificar a Manuel Ferrol como “un icono e un mito da fotografía do século XX”.

As bases do certame están dispoñibles tanto na páxina web como nas contas de redes sociais da Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’ e o prazo de presentación de traballos permanecerá aberto ata o 17 de decembro. As obras que xa foran presentadas no ano pasado (na edición que finalmente non se celebrou) pasarán automaticamente a concurso. En edicións anteriores a participación sitúase ao redor do medio cento de traballos presentados.

A temática dos traballos deberá versar sobre retrato, reportaxe e tradición, e o xurado está composto por cinco profesionais da fotografía: María Messeguer, Xoán Piñón, Victor Echave, Nacho Romero e Ángel Cordero.