PONSE EN MARCHA O PROXECTO «EVS CARRAL: ENJOY VOLUNTEERING!»

O pasado mes de decembro foi aprobado o proxecto «EVS Carral: Enjoy Volunteering!» pola Axencia Nacional Española do Programa Erasmus+: Xuventude en Acción (Instituto da Xuventude – Injuve), despois de que o Concello de Carral recibise o ano pasado a acreditación como organización de envío, de acollida e coordinadora de proxectos para a xuventude dentro do Servizo de Voluntariado Europeo.
«EVS Carral: Enjoy Volunteering!», promovido polo Concello de Carral en colaboración con outro municipio europeo, o de Prato (Toscana, Italia), é un proxecto europeo que ten como principal obxectivo ofrecer á xente nova de Carral e doutro país da Unión Europea, neste caso Italia, unha oportunidade de mobilidade que mellore as súas competencias pre-laborais, como a iniciativa, a creatividade, a responsabilidade, o traballo en equipo, ou a comunicación e as competencias lingüísticas, a posta en práctica de valores, como a solidariedade, a cooperación, a empatía ou a creación de redes, e o coñecemento doutros ambientes de traballo, así como a adquisición de competencias técnicas, a través da aprendizaxe non formal e informal.
Cofinanciado nun 100 % polo programa ERASMUS+ 2014-2020, ofrecerá unha experiencia de voluntariado de 6 meses de duración a 3 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos (de febreiro a agosto de 2017 en Carral a dous mozos ou mozas italianos/as e de abril a setembro de 2017 en Prato a un mozo ou moza de Carral).
Isto brindará aos mozos e mozas voluntarios a oportunidade de contribuír ao traballo diario que se realiza desde as administracións locais participantes, e adquirir así competencias pre-laborais e de carácter social, nas áreas que máis se adapten aos seus intereses ou ao seu perfil formativo previo.

servicio-voluntario-europeo