OS FOGÓNS XA ESTÁN LISTOS PARA O II CONCURSO DE TAPAS ‘CARRAL CON MOITO GUSTO’

Os 9 locais de hostalería que participan no II concurso de tapas ‘Carral con moito gusto’ xa teñen todo preparado para servir desde mañá, venres 3 de decembro, ata o luns, 6 de decembro, os seus petiscos especiais.

Nesta segunda edición participarán: Bar Tropezón, Cervexería Boca Grande, Pizzería Centro Tabeaio, Restaurante A Taberna XXI, Cervecería Solpor, Café Bar Piolindo, O’ Lareiras, Cervexería P.3 e O’Alpendre.

Trátase da segunda edición desta iniciativa, que naceu en 2019 e que acadou uns excelentes resultados entre os locais de hostalaría do municipio. Agora, o goberno local recupera a proposta, coa que se busca “promover o consumo nos bares, restaurantes e todo tipo de negocios hostaleiros, que viviron un ano e medio especialmente difícil pola emerxencia sanitaria, sufrindo varios peches e paróns na súa actividade”.

Premios aos hostaleiros

Todas as tapas poderán optar ao Premio á Mellor Tapa 2021 e o 1º e 2º premio do xurado profesional. Por unha banda, o Premio á Mellor Tapa será seleccionado polos propios clientes, que deberán elixir cal foi a súa elaboración favorita. Para facelo, poderán emitir o seu voto a través dun cupón que se lles entregará no propio establecemento. Pola outra banda, para conceder o 1º e o 2º premio do xurado profesional teranse en conta os seguintes criterios: elaboración da tapa; olor textura e sabor; presentación; calidade do servizo e orixinalidade e creatividade.