O VII TORNEO DE VERÁN DE XADREZ DE CARRAL CELEBRARASE O 27 DE AGOSTO

Na 6ª edición foron máis de 40 os xogadores inscritos.

Cartel Torneo de ajedrezUn ano máis, e dentro da programación deportiva do verán, o Concello de Carral organizará o vindeiro sábado 27 de agosto unha nova edición do “Torneo de Xadrez de Verán”. Con esta, xa son 7 as edicións desta competición xadrecística consolidada xa como un clásico dentro da programación municipal. O obxectivo fundamental que se marca a concellería de deportes coa realización deste evento deportivo é o fomento do deporte entre toda a poboación, e máis concretamente un deporte minoritario como é o xadrez.

Na 6ª edición deste torneo municipal foron 42 os inscritos, procedentes de diferentes localidades da comarcas (Carral, A Coruña, Cambre, Arteixo, Ordes, etc.), número que, agárdase sexa superado nesta nova edición.

O torneo, que se disputará na biblioteca municipal, constará de 7 roldas, en partidas de 10 min. por xogador, divididos en 4 categorías (sub-12, sub-14, absoluto e mellor xogador local). Comezará ao redor das 16.30 h e finalizará sobre as 20.00 h, momento no que terá lugar a entrega de premios aos finalistas de cada categoría.

Para todos aqueles interesados en participar, poden inscribirse ata o día 26 de agosto dirixíndose á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672 580 ou no mail deportes@carral.es.