O PRAZO DE PREINSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NOS CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DA DEPUTACIÓN ESTARÁ ABERTO ATA O 20 DE MAIO

  • O concelleiro de Deportes, Francisco Bello, sinala que, ademais do programa provincial, o Concello terá tamén o seu propio programa “nunha nova aposta por promover a conciliación da veciñanza de Carral”.

O prazo de preinscrición para os campamentos deportivos da Deputación da Coruña estará aberto ata o 20 de maio. No caso de Carral, o ente provincial oferta cinco prazas para a terceira quenda, entre o 10 e o 15 de xullo.

O concelleiro de Deportes, Francisco Bello, sinala que, ademais do programa provincial, o Concello celebrará, este verán, os seus propios campamentos “nunha nova aposta por promover a conciliación da veciñanza de Carral”. A previsión, tal e como avanza o edil, é abrir o período de inscrición para o programa a principios do mes de xuño. A iniciativa municipal terá lugar entre o 27 de xuño e o 2 de setembro, organizándose varias quendas.

Os campamentos da Deputación están dirixidos a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos e levaranse a cabo no IES Rosalía de Mera. Os rapaces e rapazas que participen na iniciativa poderán gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, dunha xornada de praia e de visitas culturais e etnográficas.

As inscricións poden tramitarse na Casa da Cultura (981 67 25 80) e no Complexo Deportivo de Carral (678 33 88 47 e en deportes@carral.es) ata o 20 de maio.