O OUTONO DE CARRAL ESTARÁ MARCADO POLA REPRESENTACIÓN DE 11 FUNCIÓNS TEATRAIS DE DIFERENTES XÉNEROS

A Casa da Cultura do Concello de Carral acolleu, esta mañá, a presentación dunha nova edición do Ciclo de Outono. O acto estivo presidido polo alcalde, Javier Gestal, polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e polo deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto. Así mesmo, o pistoletazo de saída desta convocatoria do programa contou coa presenza de representantes dalgunhas das compañías teatrais que participan no ciclo.

Durante a súa intervención, o rexedor celebrou o regreso deste ciclo, “que medra, ano tras ano, en número de persoas asistentes”. Así mesmo, Gestal aproveitou a ocasión para reafirmar o compromiso do goberno local “por ofrecer alternativas culturais aos veciños e veciñas de todas as idades”.

Todas as funcións levaranse nos meses de outubro, novembro e decembro no local Xente Nova de Tabeaio. En todos os casos, a hora prevista para o inicio da actividade será ás 20.30 horas.

Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico, será a obra inaugural do ciclo de outono (8 de outubro ás 20.30 horas). Neste caso, trátase dunha peza dirixida ao público adulto onde Rosalía de Castro será a protagonista. A famosa autora dirixirase ao público para compartir as particularidades da súa orixe, do seu pensamento e das súas circunstancias sociais e dos condicionamentos que ten para exercer o seu traballo como poeta e escritora.

A agrupación A Panadaría será a seguinte en subir ao escenario. Farao o venres, 14 de outubro, con As que limpan. A historia fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis para conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, atoparán a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras.

A parábola do angazo, de Talía Teatro, representarase o 21 de outubro. Na obra, a compañía fará unha viaxe no tempo para explicar a historia da lingua galega. Deste xeito, intentará entender o presente deste idioma. Para facelo, contará a historia dun mozo dunha aldea galega que emigra a Castela e, ao pouco de facelo, remata por esquecer a súa lingua nai.

Malasombra Producións tomará o relevo coa interpretación de SÓS o venres, 28 de outubro. A proposta cultural preséntase como unha reflexión, ás veces cómica e ás veces dramática, sobre a vellez, a convivencia e a soidade que sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.

Bravas será a proposta coa que Isabel Risco, de Culturactiva, aterrará no municipio (4 de novembro). Trátase do segundo espectáculo unipersoal da actriz e, ao longo do mesmo, Risco ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas.

Amantis, de Rebordelos, será a seguinte actividade do Ciclo de Teatro (11 de novembro). A agrupación teatral subirá ao escenario para contar a historia dun adolescente de barrio obreiro que quere ser influencer.

Como homenaxe a Álvaro Cunqueiro, a compañía Teatro do Noroeste traerá a Carral a súa obra Feirantes, un espectáculo protagonizado polas curiosas personaxes que aínda habitan moitos pobos de Galicia. A función terá lugar o martes, 15 de novembro, e estará dirixida ao alumnado da ESO. A función lévase a cabo a través da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

A seguinte proposta será a representación de As fillas bravas e o mito de Casandra por parte de Grupo Chévere (18 de novembro). As protagonistas deste espectáculo son tres pandeireteiras do lugar de Momán (concello de Trabancas) que cantan coplas e contan contos escoitados con retranca e sabedoría.

O porco de pé, da firma Producións Teatrais Excéntricas, chegará a Carral o venres, 25 de novembro. A obra está centrada no porco, o animal símbolo dos cocidos e do entroido de Galicia, que tomará o local social de Tabeaio para amosar a súa superioridade sobre os seres humanos.

O grupo de teatro afeccionado O Rueiro será o penúltimo en actuar dentro do Ciclo de Teatro, e farao coa súa proposta Quen anda aí? (26 de novembro). Charamusca Teatro pechará o programa con Planeta Uralita o sábado, 3 de decembro.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.