O GOBERNO LOCAL RECOLLE FIRMAS PARA ESIXIR AO SERGAS QUE RESTAURE O SERVIZO DE PEDIATRÍA NO CENTRO MÉDICO DE CARRAL

Debido ás noticias que circularon por Carral sobre a supresión temporal do servizo de pediatría do Centro de Saúde da localidade, o Concello iniciou contactos coa Dirección do mencionado Centro de Saúde, así como coa Xerencia do Sergas co fin de confirmar a situación real deste problema.

A Dirección do Centro de Saúde confirmou que, debido á falta de persoal médico coa especialidade de pediatría, e por causa das oposicións que o Sergas ten convocadas para o día 1 de marzo, tivéronse que reducir o número de asistencias e os Centros de Saúde onde se prestaba o servizo de pediatría, afectando coa suspensión temporal do servizo ata que non remate o proceso de selección de persoal ao Centro de Saúde de Carral.

O Concello manifestou, tanto á Dirección do Centro como á Xerencia a súa total oposición á medida acordada polo Sergas, debido ao grave prexuízo que, ao seu entender, provoca nos nenos e adolescentes do municipio, así como aos seis pais, que se vén obrigados a desprazarse a Cambre ou a outros Centros Hospitalarios da Coruña, utilizando os seus propios medios, debido a non existir medios de transporte público que poidan prestar dito servizo.

Por esta razón, o Concello habilitou nas súas instalacións, así como no propio Centro de Saúde e na Casa da Cultura da localidade un documento para a recollida de firmas en contra da decisión do Sergas, sobre todo tendo en conta que en Concellos limítrofes non se tomaron estas medidas, cando a diferencia parece estar no partido que sustenta os distintos gobernos municipais. “A toma de medidas contra os dereitos dos cidadáns en función da opción política escollida polos mesmos nun sistema democrático é un atentado contra a libertade cidadá, e un acto contrario ao noso ordenamento xurídico e á nosa Constitución”, manifestaron membros do actual equipo de goberno do Concello de Carral.

O alcalde e a concelleira da área de Saúde teñen convocadas varias reunións coa Xerencia do Sergas, o Delegado Provincial, e están en fase de axendar unha reunión co propio conselleiro de Sanidade. É intención do Concello seguir presionando á administración autonómica ata conseguir a anulación da medida de supresión temporal do servizo.