O GOBERNO ACADA O COMPROMISO DO SERGAS PARA QUE O PEDIATRA ACUDA AO CENTRO MÉDICO VARIOS DÍAS Á SEMANA ATA O MES DE MARZO

Varios membros do equipo de goberno do Concello de Carral reuníronse hoxe, xoves 16 de xaneiro, co xerente de Xestión Integrada do Sergas da Coruña, Luis Verde, para abordar a supresión temporal do servizo de pediatría no centro médico de Carral. Durante o encontro, o goberno local alcanzou o compromiso do Sergas de que o pediatra acudirá ao ambulatorio carralés “varios días á semana” durante as seis semanas que durará a concorrencia de excedencias solicitadas polos profesionais especializados nesta rama.
O resultado “non é un éxito absoluto”, tal e como explican desde o goberno local. Con todo, este acordo minimizará as molestias que a medida estaba a ocasionar aos veciños e veciñas do municipio. Esta suspensión “estaba a provocar un grave prexuízo aos nenos, nenas e adolescentes”, na medida en que os pais e nais víanse obrigados a desprazarse ao ambulatorio de Cambre ou aos centros hospitalarios da Coruña para recibir este servizo”. Ademais, tal e como denunciou o goberno, “os veciños e veciñas tiñan que utilizar os seus propios medios, xa que non existe un transporte público que preste este servizo”.
Recollida de firmas
Co fin de solucionar este problema canto antes, o goberno local tomou diferentes medidas nos últimos días. Por unha banda, contactou tanto coa xerencia de Xestión Integrada da Coruña, como coa dirección do ambulatorio carralés para coñecer a dimensión do problema. Doutra banda, iniciou unha campaña para recoller firmas entre os carraleses e carralesas en contra da decisión do Sergas.