O ESPECTÁCULO DE RÚA SAAABOR! PRESÉNTASE ESTE DOMINGO NO CAMPO DA FEIRA

7041recA Concellería de Cultura do Concello de Carral presenta o vindeiro domingo o espectáculo de teatro de rúa Saaabor!, da compañía Culturactiva. É o espectáculo que estaba previsto para levarse a cabo na programación das Festas do Socorro, pero que por enfermidade dun dos seus actores non se puido realizar.

Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer o viño e a sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.

A función comezará ás 18:00 h. no Campo da Feira. Se as condicións meteorolóxicas non son as axeitadas, o espectáculo realizarase no Edificio Social Toñito Espiñeira.

Saaabor! é un espectáculo incluído en Cultura no Camiño, que promove AGADIC cos concellos polos que transcorren os camiños de Santiago.