O CONCELLO REFORZA A SÚA APOSTA POLA CONCILIACIÓN CO INICIO DUN NOVO CAMPAMENTO DEPORTIVO DE NADAL

Na actividade están participando nenos e nenas de entre 3 e 15 anos.

Carral dobra a súa aposta pola conciliación co inicio do campamento deportivo de Nadal. Na actividade, que se está realizando no CEIP Vicente Otero Valcárcel, están participando numerosos nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. Desde o goberno local sinalan que o obxectivo é seguir promovendo este tipo de medidas e programas, cos que se busca “favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas as datas sinaladas e os períodos vacacionais da rapazada”.

Este programa celebrarase entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro –agás os sábados, domingos e festivos-. En canto ao horario, os nenos e nenas poden permanecer no recinto desde as 7.30 ata as 16.00 horas. Entre as 7.30 e as 10.00 horas ten lugar o programa Madrugadores, desde as 10.00 ata as 14.00 horas, lévanse a cabo as propias actividades do campamento e, por último, entre as 14.00 e as 16.00 horas é o tempo de xantar.

Esta nova convocatoria conta con dúas temáticas centrais: os Deportes de Inverno (que protagonizarán as actividades entre o 22 e o 29 de decembro) e os Xogos Olímpicos de Inverno (ofrecendo propostas entre o 30 de decembro e o 5 de xaneiro).

Medidas covid-19

Os rapaces e rapazas están separados en grupos burbulla. Antes de entrar no recinto, os usuarios e usuarias desinfectan as mans. Ademais, os maiores de 6 anos empregan a máscara de xeito obrigatorio. A maiores, o Concello establece quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.