O CONCELLO RECUPERA O SEU CONCURSO DE TAPAS “CARRAL, CON MOITO GUSTO” PARA PROMOVER O CONSUMO NO TECIDO HOSTALERIO

Tras un ano de parón por mor da covid-19, o Concello retomará, este outono, o seu concurso de tapas “Carral, con moito gusto”. Trátase da segunda edición desta iniciativa, que naceu en 2019 e acadou uns excelentes resultados entre os locais de hostalaría do municipio. Agora, o goberno local recupera a proposta, coa que se busca “promover o consumo nos bares, restaurantes e todo tipo de locais de hostalaría, que viviron un ano e medio especialmente difícil pola emerxencia sanitaria, sufrindo varios peches e paróns na súa actividade”.

O certame estará aberto á participación de bares, mesóns, restaurantes e cafeterías, sempre e cando prime o emprego de produtos locais e de tempada na elaboración das receitas. Os locais interesados poderán tramitar a súa inscrición entre o 2 e o 5 de novembro (ambos os dous incluídos). A folla de inscrición debidamente cuberta deberá presentarse no rexistro do Concello antes das 14.00 horas do 5 de novembro. Terá que incluír o selo do establecemento, ou o CIF e sinatura no caso de non ter selo. O propio concurso levarase a cabo entre o 3 e o 6 de decembro como preámbulo das festas de Nadal.

Premios aos hostaleiros

Todas as tapas poderán optar aos seguintes recoñecementos: Premio do xurado popular, Premio Mellor Tapa 2021 e primeiro e segundo premio do xurado profesional.

Descarga a ficha de inscrición aquí.

Descarga as bases do concurso aquí.