O CONCELLO REACTIVA O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS PARA O ESTUDO PARA O CURSO 2019/2020

Os veciños e veciñas poderán tramitar desde o vindeiro luns, 8 de xuño, a súa solicitude de bolsas educativas municipais. O prazo, que o Concello acaba de reactivar, estará aberto ata o 30 de xuño. Por medio medio desta medida, o goberno local destinará 10.000 euros dirixidos a alumnos e alumnas de diferentes etapas educativas matriculados durante o curso 2019/2020.

O obxectivo desta liña de axudas é colaborar coas familias do municipio, axudándolles a afrontar os gastos derivados dos estudos de 2º ciclo de educación infantil, de educación postobligatoria -ciclos formativos, bacharelato ou similares- e de estudos universitarios oficiais. Como explica o goberno local, “na situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19 é máis importante que nunca axudar aos veciños e veciñas de Carral, sobre todo cando trátase de achegas en materia educativa”.

No caso de infantil, destinarase unha contía de 3.600 euros. A contía das axudas que se establecen será dun mínimo de 30 euros por persoa e de ata un máximo de 70 euros por beneficiario.

Para a formación postobligatoria e formación profesional básica a partida será de 3.000 euros. Establécese un mínimo de 40 euros por persoa beneficiaria e un máximo de 150 euros.

Por último, a liña dedicada a estudos universitarios ascenderá a 3.400 euros. Cada usuario poderá recibir un mínimo de 50 euros e un máximo de 200 euros.

As persoas interesadas en recibir máis información deberán contactar co departamento de Educación no teléfono 678 33 88 72.