O CONCELLO PROGRAMA OITO FUNCIÓNS PARA VECIÑOS DE TODAS AS IDADES A TRAVÉS DO SEU CICLO DE TEATRO DE OUTONO

O Concello viviu hoxe, luns 11 de outubro, o pistoletazo de saída do Ciclo de Teatro de Outono, que se celebrará entre o 16 de outubro e o 11 de decembro. A Casa da Cultura acolleu o acto de presentación desta edición, que incluirá a representación de oito obras de teatro a cargo de varias compañías de renome. Na inauguración tomaron parte o alcalde, Javier Gestal, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, membros do goberno local e representantes das agrupacións que se subirán ao escenario ao longo do programa.  

Durante a súa intervención, o rexedor incidiu en que a organización deste ciclo supón “seguir apostando pola promoción da cultura, un compromiso que este goberno mantivo mesmo tras a irrupción da pandemia da covid-19”.

Este ano, o programa incluirá sete funcións dirixidas a público adulto e unha ao familiar. Gloria nacional, de Teatro do Noroeste, inaugurará o calendario o sábado, 16 de outubro. A obra conta a historia de Uxío Rodas, un escultor e pintor considerado como unha auténtica “gloria nacional” polo seu traballo. Porén, despois de que lle encarguen unha escultura monumental, o autor entrará nunha fonda crise creativa.

Crónica dunha heterosexual insatisfeita a cargo de Verdeveras (23 de outubro) tomará o relevo convidando ás persoas asistentes a reflexionar sobre as normas e parámetros preestablecidos que facemos propios sen sequera pensar se hai outra opción diferente. Unha semana despois (30 de outubro), Ainé chegará ao municipio con Coleccionistas. Trátase dunha comedia didáctica, unha clase de arte chea de humor na que o público asistente terá un papel do máis participativo.

Novembro arrincará con Dúas pedras no camiño da man de Mofa e Befa (6 de novembro). En palabras da propia compañía, é un espectáculo antolóxico de pezas míticas que se manteñen na memoria do público. O título xoga coas alusións á música popular a á súa filosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme.

De seguido, o 20 de novembro, Ibuprofeno Teatro subirá á escena para representar O mel non caduca, protagonizada por dous científicos/apicultores que tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva na historia.

Contraproducións terá a ocasión de conquistar á veciñanza carralesa o 27 de novembro con A compañeira de piso, na que se tratan os temas de idade, muller e identidade dun xeito fresco e divertido.

A lúa vai encuberta chegará o 4 de decembro a Carral a cargo de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. Este espectáculo relata a historia da realidade de Galicia e da loita incesante por conformar unha identidade propia, enfrontándose, para iso, ao seu pasado recente e ás súas contradicións. A obra acaba explicando as razóns de porque Galicia ten os rasgos políticos, sociais e económicos que a caracterizan. Este traballo recibiu o segundo premio do certame Manuel María de proxectos teatrais que convoca a Casa Museo Manuel María.

Patapatum de Elefante Elegante pechará, o 11 de decembro, a nova edición do Ciclo de Teatro de Outono. Trátase dunha obra visual dirixida ao público infantil e familiar a partir dos 4 anos. Patapatum é unha reflexión sobre o tempo, a crianza e sobre como enchemos os baleiros das nosas ausencias.

Agás no caso de Coleccionistas, todos os espectáculos levaranse a cabo a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. En todos os casos, as propostas levaranse a cabo seguindo un estrito protocolo de seguridade pola covid-19. O aforo será limitado, polo que será preciso reservar os convites antes do venres previo á función. Para facelo, as persoas interesadas deberán chamar ao teléfono 981 67 25 80.