O CONCELLO E OS CENTROS DE ENSINANZA ÚNENSE PARA ENXALZAR A ROSALÍA DE CASTRO DENTRO DA PROGRAMACIÓN POLOS 25 ANOS DO PREMIO DE POESÍA

  • Os rapaces e rapazas do IES de Carral e do CEIP Vicente Otero Valcárcel leron algúns poemas da autora.

O Concello e os centros de ensinanza uníronse, esta mañá, para enxalzar a Rosalía de Castro. Fixérono, non só co gaio do día en honor á escritora, que se conmemora mañá, mércores 23 de febreiro, senón tamén como parte do programa especial polos 25 anos do Premio de Poesía do Concello de Carral.

Deste xeito, a actividade realizouse cun dobre obxectivo: por unha banda, lembrar á Rosalía de Castro, unha das autoras galegas máis prolíferas que cultivou, entre outros xéneros, o da poesía. Pola outra, e co fin de seguir promovendo o certame poético de Carral, déuselles aos mozos e mozas información sobre o Premio, así como sobre as distintas propostas que se levarán a cabo para celebrar o 25 aniversario.

No acto estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, concelleiros e concelleiras do goberno local e alumnos e alumnas do CEIP Vicente Otero Valcárcel e do IES de Carral. O evento contou coa intervención do escritor e investigador e académico da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, que acudiu en representación da Fundación Rosalía de Castro. Ao remate, algúns rapaces e rapazas dos centros de ensinanza leron algúns dos poemas da escritora padronesa.

Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor o “papel de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis importantes da historia de Galicia”.