O CONCELLO DE CARRAL REMATA O PLAN DE PAVIMENTACIÓN E CREACIÓN DE BEIRARRÚAS EN RÍO DA MELRA, MANUEL FERROL E MÉNDEZ BÚA

Tres rúas do núcleo urbano de Carral –rúa Río da Melra, Manuel Ferrol e Méndez Búa– locen, desde esta semana, unha imaxe completamente renovada. Todo grazas ao proxecto que o Concello de Carral acaba de rematar e que implicou a pavimentación e a creación de beirarrúas nestas puntos. Con todo, antes de iniciar as obras, o goberno local tivo que modificar o proxecto orixinal, debido a que non resolvía “os problemas existentes nestas rúas”.

Como explican desde o equipo de goberno, “tal e como estaba pensado inicialmente, o proxecto non daba resposta ás necesidades dos veciños e veciñas  do municipio”. Así,o plan herdado non incluía ningunha intervención para solucionar, entre outros problemas, ás frecuentes inundacións na rúa Río da Melra. Este fenómeno producíase pola incidencia do río do mesmo nome, e afectaba a algunhas edificacións da zona. Esta rúa contaba cunha rede unitaria de augas fecais e pluviais que se separaron tras as actuacións executadas polo Concello. As intervencións en Río da  Melra serviron, así mesmo, para eliminala vaguada existente. O proxecto incluíu, ademais, a subministración, estendido e compactado de saburra natural, a formación da beirarrúa, a pavimentación da vía e o pintado da sinalización horizontal.

O antes e o despois na rúa Río da Melra tras as actuacións acometidas polo Concello de Carral

O antes e o despois na rúa Río da Melra tralas actuacións acometidas polo Concello de Carral

Este non foi o único cambio que sufriu o documento orixinal, que tampouco resolvía o problema de circulación en Manuel Ferrol, onde a rúa era demasiado estreita para o tránsito de dous coches. Agora, a rúa –que conecta coa N-550-  é de sentido único e dispón dun maior número de prazas de aparcamento. Así mesmo, tanto na rúa Manuel Ferrol como en Manuel Jesús Méndez Búa levouse a cabo a regulación do firme existente, a pavimentación do vial mediante mezcla asfáltica e o pintado da sinalización horizontal.

O antes e o despois na rúa Manuel Ferrol tras as actuacións acometidas polo Concello de Carral

O antes e o despois na rúa Manuel Ferrol tralas actuacións acometidas polo Concello de Carral

O proxecto financiouse a cargo do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña  POS +2018.