O CONCELLO DE CARRAL HOMENAXEARÁ AOS MÁRTIRES CUNHA OFRENDA FLORAL

posted in: Novas Concello | 0

O alcalde José Luis Fernández Mouriño encabezará a comitiva oficial que renderá homenaxe aos Mártires de Carral o vindeiro martes 26 de abril, cando se cumpren 170 anos daqueles acontecementos.

O acto consistirá nunha ofrenda floral ante o monumento aos Mártires da Liberdade ás 11:30 h, á que se convida a toda poboación de Carral. Logo, a comitiva oficial reunirase co alumnado do instituto de secundaria na proxección do documental “A última páxina escribiuse con sangue”.

A estes actos está de momento confirmada a asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e do presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes. Tomarán parte ademais membros da Corporación local así como representantes de asociacións do municipio.

O fusilamento de Miguel Solís e os seus oficiais o 26 de abril de 1846 constitúe o feito histórico de maior relevancia en Carral. O monumento que se ergue no centro urbano e que lembra a quen protagonizou o levantamento contra o Xeneral Narváez, foi inaugurado en 1904 e construído co deseño do arquitecto lucense Javier Álvarez Mendoza.

Con este acto oficial rematarán as homenaxes que comezan mañá coa representación teatral Abril de Lume e Ferro no Campo da Feira e protagonzada por veciños e veciñas de Carral.