O CONCELLO DE CARRAL ATOPA E CORRIXE GRAVES DEFICIENCIAS NO EDIFICIO DA GALIÑA AZUL

O novo goberno local de Carral está a realizar unha análise exhaustiva do seu inventario de bens para coñecer con exactitude a situación real do Concello e, nese labor, recentemente atopouse con graves deficiencias no edificio que alberga a ‘ Galiña Azul’.
No parque infantil estaba enterrado un depósito de gas natural cheo e sen inertizar, procedente duns traballos de substitución do subministro eléctrico levados a cabo no ano 2014. Agora inertizouse o citado depósito xa que supoñía un perigo para os máis pequenos que, día a día, xogan no parque.

Intertización
O equipo de goberno local entende que “ é unha irresponsabilidade e algo moi grave, estamos a falar de que os nenos e nenas estaban xogando sobre un tanque de gas sen ningún tipo de seguridade”.
Doutra banda, no teito do edificio localizáronse pedras e material illante sen usar. A orixe: no ano 2016 iniciouse o illamento do tellado con pintura de caucho e tea asfáltica, coa intención de cubrila con illante e un manto de pedras pero isto último nunca se chegou a facer. Agora, unha vez detectada a situación, supoñerá un dobre gasto para as arcas municipais xa que hai que volver aplicar a pintura e colocar o illamento e as pedras, tendo que substituir algunha peza pola deterioración sufrida debida ao paso do tempo.

Tejado (1)