O CONCELLO BAUTIZARÁ A SENDA PEONIL ENTRE CARRAL E TABEAIO CO NOME DE MARTÍN CORTÉS CACHEIRO

O Concello celebrou un pleno no que se aprobou a proposta do goberno local para bautizar a senda peonil que une Carral e Tabeaio co nome de Martín Cortés Cacheiro. Este veciño, natural de Tabeaio, faleceu no ano 2018 e, ao longo da súa vida, contribuíu a mellorar os servizos, infraestruturas e, en xeral, a calidade de vida dos carraleses e carralesas. Durante a súa intervención, o alcalde, Javier Gestal, definiuno como “unha persoa moi querida e implicada na vida social da parroquia”.

No 1998, e ao non existir instalacións de titularidade municipal, deportiva e/ou cultural en Tabeaio, acordou coa Administración local a cesión dos terreos nos que, posteriormente, o Concello construíu a actual pista polideportiva da parroquia. Tal e como se recollía na proposta elevada a pleno, este espazo supuxo un gran impulso no fomento da actividade física e o deporte en Tabeaio. Esta operación implicou, así mesmo, a cesión dos terreos anexos á entidade cultural Xente Nova para a construción dun local social que, a día de hoxe, segue tendo un crecente uso.

A iniciativa parte dunha solicitude dos propios residentes da parroquia, así como dos familiares de Cortés Cacheiro, cos que tanto o alcalde como membros do goberno local mantiveron varias reunións. A proposta recibiu luz verde por unanimidade dos votos da corporación (Alternativa dos Veciños, PSOE, PP e a concelleira non adscrita).

Reforma das pistas deportivas

O pleno acordou, así mesmo, solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para financiar a reforma das pistas deportivas da rúa Paleo. O rexedor alcanzou o apoio do ente provincial para destinar 89.684 euros á execución deste proxecto, que supoñerá unha importante mellora na instalación. A contía restante, 22.421 euros, procederán das arcas municipais.

Actualmente, o lugar está ocupado por dúas pistas de tenis que se atopan en malas condicións e que están en desuso. As obras supoñerán a reforma dunha das pistas e a creación doutra multideporte, dun skatepark e dun lavadoiro de bicicletas que se situará nun punto estratéxico polo que pasan moitos ciclistas cando baixan desde o Monte Xalo. O plan incluirá, ademais, a substitución da iluminación actual por outra con tecnoloxía LED e a instalación de bancos na zona.

A proposta aprobouse cos votos a favor de Alternativa dos Veciños, do PP e da concelleira non adscrita, que sinalaron a necesidade de acometer este proxecto, e coa abstención dos concelleiros do PSOE.

O goberno local reafirma así a súa aposta por mellorar as dependencias deportivas do municipio. Seguindo a mesma liña de traballo, o Concello acometerá a ampliación do Centro Deportivo de Carral.

Por último, o pleno aprobou, por unanimidade dos votos, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.