O ALCALDE DE CARRAL ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA A REFORMA DAS PISTAS DEPORTIVAS DE PALEO

O alcalde de Carral, Javier Gestal, asinou, onte, un convenio co presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Por medio deste acordo, o ente provincial financiará preto do 80% do proxecto para reformar as pistas deportivas de Paleo. Isto é, a achega da Deputación será de 146.432,26 euros, mentres que a contía restante (36.608,49 euros) procederá das arcas municipais. Trátase dunhas obras que o rexedor considera “fundamentais” na medida en que permitirán ao Concello dispor dun espazo cuberto para albergar actos culturais e deportivos, entre outros.

O proxecto suporá a execución das seguintes actuacións: construción dun muro de contención na parte traseira das pistas e dunha soleira de formigón armado en toda a superficie, disposición dun peche perimetral de 4 metros de altura de malla electrolosada, entre outras. A contía servirá, así mesmo, para crear unha cuberta de 700 m2 sobre as pistas. Deste xeito, unha vez concluídos estes traballos, o Concello disporá dunha dependencia de grandes dimensións que poderá acoller todo tipo de eventos.

Depuradora do Quenllo

Durante a reunión co presidente provincial, a Deputación comprometeuse, ademais, a sufragar os gastos da redacción do proxecto para a futura depuradora do Quenllo. A través dunha subvención nominativa, a achega provincial neste caso será de 120.000 euros.

A infraestrutura actual sofre deficiencias no tratamento de auga. Estas carencias xorden, fundamentalmente, polo tipo de carga de augas residuais urbanas e industriais que recibe, así como polo excesivo volume de auga entrante que se rexistra en certos momentos.

Gestal sinalou que a disposición dunha nova depuradora “é, sen lugar a dúbidas, unha das máximas prioridades do goberno local”, e apunta que seguirá recabando apoios doutros organismos para a súa creación.