NOVE LOCAIS DE HOSTALARÍA LOITARÁN PARA CONSEGUIR O PREMIO Á MELLOR TAPA 2021 NO CERTAME DO CONCELLO

Concello de Carral
  • O concurso contará coa participación de Bar Tropezón, Cervexería Boca Grande, Pizzería Centro Tabeaio, Restaurante A Taberna XXI, Cervecería Solpor, Café Bar Piolindo, O’ Lareiras, O’Alpendre e da Cervexería P.3.
  • A iniciativa levarase a cabo entre o 3 e o 6 de decembro como preámbulo das festas de Nadal.

O Concello de Carral quenta motores para o inicio do seu concurso de tapas “Carral, con moito gusto”, no que participarán nove locais de hostalaría: Bar Tropezón, Cervexería Boca Grande, Pizzería Centro Tabeaio, Restaurante A Taberna XXI, Cervecería Solpor, Café Bar Piolindo, O’ Lareiras, O’Alpendre e Cervexería P.3. O concurso levarase a cabo entre o 3 e o 6 de decembro como preámbulo das festas de Nadal.

Trátase da segunda edición desta iniciativa, que naceu en 2019 e que acadou uns excelentes resultados entre os locais de hostalaría do municipio. Agora, o goberno local recupera a proposta, coa que se busca “promover o consumo nos bares, restaurantes e todo tipo de negocios hostaleiros, que viviron un ano e medio especialmente difícil pola emerxencia sanitaria, sufrindo varios peches e paróns na súa actividade”.

Premios aos hostaleiros

Todas as tapas poderán optar ao Premio á Mellor Tapa 2021 e o 1º e 2º premio do xurado profesional. Por unha banda, o Premio á Mellor Tapa será seleccionado polos propios clientes, que deberán elixir cal foi a súa elaboración favorita. Para facelo, poderán emitir o seu voto a través dun cupón que se lles entregará no propio establecemento. Pola outra banda, para conceder o 1º e o 2º premio do xurado profesional teranse en conta os seguintes criterios: elaboración da tapa; olor textura e sabor; presentación; calidade do servizo e orixinalidade e creatividade.