MANUEL LÓPEZ RODRÍGUEZ RECIBE O PREMIO DE POESÍA CONCELLO CARRAL POLA SÚA OBRA ‘NAS PULSACIÓNS’

A Casa da Cultura de Carral acolleu o sábado 12 de setembro o acto central do XXIII Premio de Poesía Concello de Carral. Por un lado, o acto serviu para conceder o galardón da presente edición, que recaeu nas mans de Manuel López Rodríguez pola súa obra Nas pulsacións. Polo outro, no evento levouse a cabo a presentación de En luz escrita de Xurxo Alonso, o poemario que gañou o premio o pasado ano, e que pasará a formar parte da colección de Edicións Espiral Maior.

Como en anos anteriores, o Concello contará coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a edición da obra gañadora do certame de poesía.

Á entrega acudiron membros do goberno local do Concello de Carral, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e o responsable de Edicións Espiral Maior, Fernán Vello.

Debido á situación sanitaria, o evento contou cun aforo reducido. A diferenza doutras edicións, e co fin de extremar as precaucións pola COVID-19, non se realizou ningún tipo de intervención artística. Ao remate, o público asistente recibiu exemplares de En luz escrita e tiveron ocasión de acadar a sinatura do seu autor, Xurxo Alonso.

Un discurso inspirado convertido en poemario

Manuel López Rodríguez gañou esta última edición por unha obra que, segundo o criterio do xurado, amosa un discurso sólido e inspirado, cunha gran riqueza léxica e con interesantes descubrimentos estilísticos.

O autor ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi gañador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre outros.

Carral 2

Carral 4