EVA VEIGA E ORIANA MÉNDEZ PROTAGONIZAN O ACTO DO PREMIO DE POESÍA “CONCELLO DE CARRAL”

Portada libro O que precede a caída é brancoO alcalde José Luis Fernández Mouriño presidirá o acto de entrega do premio de poesía Concello de Carral, que terá lugar o venres 29 de maio na Casa da Cultura, ás 20:00 h.

No acto, no que tamén está prevista a asistencia do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, farase entrega do premio da 18ª edición do certame a Eva Veiga, que gañou co seu libro Soño e vértice. O premio consiste en 2000 euros e a publicación da obra por parte de Edicións Espiral Maior.

O mesmo acto servirá para presentar o libro que obtivo o premio no 2014, do que é autora Oriana Méndez e que se titula O que precede a caída é branco. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral na edición deste poemario, unha cooperación que se ven mantendo desde anteriores edicións do certame.

Ademais das autoras premiadas tamén estarán presentes o escritor e director de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e o crítico literario Fran Alonso. O acto pecharase coa actuación musical de Xoán Curiel.

O Concello de Carral agasallará aos asistentes co libro de Oriana Méndez.