O TIRO CON ARCO DA PROVINCIA CÍTASE EN CARRAL ESTE SÁBADO

Medio centenar de arqueiros acudirán este sábado á 1ª xornada da liga de equipos de Tiro con Arco 17/18.

Liga Tiro Arco

_DSC0886Este sábado, 4 de novembro, vaise disputar no pavillón de Espiño de Carral a 1ª xornada da liga de equipos de Tiro con Arco, organizada polo club de Arqueiros do Adarve coa colaboración do Concello de Carral. Este evento, que comezará sobre as 17.00 h, ten como principal obxectivo fomentar e dar a coñecer o tiro con arco entre a poboación da comarca.

Os arqueiros distribúense en 7 equipos de diferentes puntos da xeografía coruñesa; Teo, A Coruña, Laracha, Ordes, Vimianzo, Arzúa e Carral. A idade dos participantes iníciase nos 12 anos en diante, distribuídos en diferentes categorías, nas que os vencedores serán aqueles que máis dianas consigan.

Ao rematar a competición, ao redor das 19.15 h, os participantes degustarán uns entremeses ofrecidos polo club Adarve, mentres os xuíces do acto ditaminaban as puntuacións finais.

O acceso ao evento será gratuíto, podendo, aqueles interesados solicitar máis información no teléfono 620.040.590 ou na Casa da Cultura municipal.