CULTURA FAI PÚBLICA A AVALIACIÓN DA SÚA PROGRAMACIÓN DO ANO 2021

Como ven sendo habitual desde hai uns anos, o departamento municipal de Cultura do Concello de Carral elabora e publica un informe de avaliación da súa actividade anual, analizando diversos indicadores. O informe que elabora o técnico municipal de Cultura, recompila datos das actividades, indicando a participación por xéneros, se son actividades subvencionadas, o seus custos directos, a clasificación en materia de igualdade de xénero, onde se realizan… Faise tamén unha análise da evolución nos últimos anos das diversas programacións, obtendo unhas conclusións e realizando algunhas propostas para mellorar os resultados e os impactos en vindeiros exercicios.

O nivel de participación, que chegou ás 3426 persoas, foi practicamente o mesmo que no 2020 tendo en conta que non se puideron realizar algunhas actividades pola pandemia, ou que houbo restricións nas capacidades dos espazos que impediron aumentar as cifras de participación. No que se refire ao número de actividades si que se produciu un aumento, chegando ás 80. O gasto directo producido pola execución da programación foi de 62219,54 €, o que supuxo o 1,17% do orzamento municipal.

Os programas de monólogos e teatro foron dos que obtiveron mellores resultados de público, mentres que a participación de nenos e nenas en actividades da biblioteca sufriu un importantes descenso.

Entre outras novidades con respecto á avaliación dos anteriores, pedíuselle a artistas, profesionais e empresas que traballaron na programación cultural para que emitiran a súa opinión sobre o departamento de Cultura de Carral. Fan unha excelente valoración da profesionalidade do persoal de Cultura, mais indican a necesidade de mellora dalgúns dos espazos culturais.

A avaliación é unha ferramenta para a mellora das programacións municipais e publícase nesta web como exercicio de transparencia na xestión pública.

Prema para acceder ao informe de avaliación.