CARRAL TRASLADA A CELEBRACIÓN DO 6º TORNEO DE XIMNASIA RÍTMICA AO FORMATO TELEMÁTICO

posted in: Sin categoría | 0

O Club de Ximnasia Rítmica de Carral celebrará mañá, sábado 8 de maio, en colaboración co Concello, a 6ª edición do seu Torneo de Ximnasia Rítmica. Porén, debido á situación sanitaria actual, a competición trasladarase, este ano, ao formato telemático. En concreto, as 30 actuacións incluídas na programación desta 6ª edición retransmitiranse a través da canle de Youtube de Deportes Carral. Ao longo de toda a mañá, daranse cita un total de nove clubs das provincias da Coruña e Pontevedra.

O torneo estará dividido en dúas partes: a primeira consistirá na publicación das diferentes actuacións das agrupacións, mentres que a segunda será a deliberación do xurado. Os números dos diferentes clubs faranse públicos entre as 11.30 e as 13.05 horas –cun descanso de 20 minutos-. O xurado, composto por Elena Sierra –profesora no INEF da Coruña-, Míriam Fernández e Sandra Estrada –ambas as dúas ximnastas de nivel e adestradoras- irán valorando as actuacións a medida que se vaian publicando. As clasificacións do Torneo faranse públicas ao longo do día e os trofeos –un total de 21- enviaranse aos clubs gañadores.

Esta 6ª edición contará coa participación dos seguintes clubs: Club Rítmica Coruña, Club Agarimo, Club Saraiba ED. Poio, Club Biqueira, XR. Abegondo, Club XR Carral, Colexio Obradoiro e Club de Ximnasia Porriño.