CARRAL PROMOVE EN CULTURGAL UN RECITAL DE VARIOS AUTORES GAÑADORES EN CERTAMES DE POESÍA DE GALICIA

A extensa tradición poética de Carral valeralle para participar en Culturgal, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra ao longo da fin de semana. Como impulsor dun dos concursos de poesía máis lonxevos de Galicia, Carral promoverá, en colaboración con outros Concellos, un recital para dar maior visibilidade aos autores e autoras premiados neste tipo de certames. A proposta será o domingo, 28 de novembro, ás 13.45 horas.

Desde o goberno local destacan o orgullo que supón poder participar nun evento de tal envergadura, no que se buscará “seguir dándolle visibilidade ao Certame de Poesía Concello de Carral”. Para conseguir estes dous obxectivos, o Concello realizou xa varias presentacións conxuntas sobre o certame. A última delas levouse a cabo este mesmo mes en colaboración coa Asociación Alexandre Bóveda da Coruña.

O recital deste domingo estará presentada polo técnico de Cultura do Concello, Carlos Lorenzo, e contará coa participación dos seguintes autores e autoras:

  • Daniel Asorey (Premio González Garcés).
  • Lorena Conde (Premio Cidade de Ourense e Premio Filomena Dato).
  • Óscar García Ramos (Premio Francisco Añón).
  • Charo Pita (Premio Illas Sisargas).
  • Sara Plaza (Premio Pérez Parallé).
  • Manuel López Rodríguez (Premio Concello de Carral, López Ardeiro e Premio Eduardo Pondal).
  • Xerardo Quintiá (Premio Concello de Vilalba).
  • Rexina Vega (Premio Rosalía de Castro – Cornellá).
  • Manuel Antonio Piñeiro (Premio Rosalía de Castro – Cornellá).