CARRAL ORGANIZA A 4ª EDICIÓN DE ‘PAPEQUES’ E OFRECE 9 FUNCIÓNS DE TEATRO, CINE, CONTACONTOS E MÚSICA PARA OS NENOS E NENAS

posted in: Sin categoría | 0

Carral ofrecerá, ao longo do mes de maio, unha nova edición do seu programa de espectáculos infantís ‘Papeques’, dirixido aos nenos e nenas do municipio. A programación arrincará mañá, venres día 7, e prolongarase ata o 27 de maio. Ao longo das vindeiras semanas, os pequenos e pequenas poderán gozar de funcións de teatro, contacontos, cine e mesmo música. Esta nova convocatoria estará estreitamente vinculada ao Premio de Poesía Concello de Carral e á celebración do Día das Letras Galegas.

A primeira actividade terá lugar mañá, venres 7 de maio ás 18.00 horas, na biblioteca da Casa da Cultura. A compañía Migallas Teatro relatará aos cativos e cativas o conto “Os tres porquiños”.

O programa continuará o xoves, 13 de maio ás 18.00 horas, na biblioteca da Casa da Cultura con “O Paroleiro” de Pablísimo. Ao día seguinte, 14 de maio ás 18.00 horas, terá lugar a proxección da película “Dora y la ciudad perdida” na Casa da Cultura.

A primeira función teatral aterrará o sábado, 15 de maio ás 18.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio. A interpretación correrá a cargo da Asociación Teatral Paso de Valverde con “Ultrasónica”. A agrupación Talía Teatro collerá a testemuña o xoves, 20 de maio ás 18.00 horas, coa obra “Rosa Caramelo” (Casa da Cultura).

O calendario continuará coa proxección do filme “A Familia Adams” o venres, 21 de maio ás 18.00 horas, na Casa da Cultura.

Lydia Botana traerá a Carral “A feira das linguas”, un espectáculo que mestura música e teatro dirixido a nenos e nenas maiores de 7 anos. Será o sábado, 22 de maio ás 18.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio.

O grupo de música Mamá Cabra tomará parte tamén nesta 4ª edición de ‘Papeques’ co seu obradoiro de arrolos. O evento levarase a cabo o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio.

Este ciclo pecharase co contacontos “Festa da Poesía das Catro Estacións” de Trinketrinke Teatro. Será o xoves, 27 de maio ás 18.00 horas na Casa da Cultura.

Todas estas actividades levaranse a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Así, as entradas –de balde- serán limitadas co fin de garantir a distancia interpersoal entre o público asistente e os aforos. As persoas interesadas poderán obter os seus convites chamando ao 981 67 25 80 -72 horas antes da celebración da actividade-.

‘Papeques’ conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e da Xunta de Galicia por medio de Ler conta moito