CARRAL INICIA A REDACCIÓN DO SEU PLAN DE MOBILIDADE SOSTIBLE

O Concello de Carral vén de iniciar a redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. O documento servirá como ferramenta de planificación estratéxica do seu territorio permitindo repensar os espazos públicos de Carral e Tabeaio e fomentando unha mobilidade sostible que procure unha accesibilidade universal e permita transformar múltiples hábitos na mobilidade urbana. A implantación de formas de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público) está estreitamente ligada á redución da contaminación, mellora do entorno urbano e ao impulso da inclusión social, especialmente relevante a partir da situación xerada pola COVID-19.

Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor, Estudio MMASA, porá en marcha unha consulta dixital online na que calquera persoa residente neste termo municipal terá a opción de participar de xeito que sexa posible coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade dos seus veciños e veciñas en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario online, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o 15 de Xullo na ligazón http://plandemobilidade.com/carral.

Dita consulta reforzarase coas mesas de participación cidadá, na que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar nas vindeiras semanas. De xeito adicional, poderán enviarse suxestións ao correo electrónico carral@plandemobilidade.com. A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade no Concello de Carral xorde a raíz da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sostible. A situación xurdida a partir da COVID-19 fai que cidades e pobos teñan que replantearse os xeitos de mobilidade, sumindo que os desprazamentos da poboación vanse a reducir e que os espazos públicos deben garantir a suficiente amplitude para permitir a mobilidade compartida e, en especial, a mobilidade peonil e en bicicleta.

O Plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, fase tras a cal procederase á diagnose dos problemas concretos de Carral en canto á mobilidade e uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sostibilidade.