CARRAL FESTEXARÁ O ENTROIDO CUN CONCURSO E DESFILE DE DISFRACES E CON OBRADOIROS INFANTÍS

CARRAL FESTEXARÁ O ENTROIDO CUN CONCURSO E DESFILE DE DISFRACES E CON OBRADOIROS INFANTÍS

Carral volverá festexar o seu Entroido de xeito presencial. Farao mediante a organización dun concurso e dun desfile de disfraces e de obradoiros infantís relacionados con esta festividade. A cita terá lugar o domingo, 27 de febreiro, no Campo da Feira.

O Concello organizará concurso infantil de disfraces (para nenos e nenas de 0 a 12 anos), individuais e por parellas (para maiores de 13 anos e, por último, en grupos (que deberá estar formado por un mínimo de cinco persoas).

Uns 2.000 euros en premios
O Concello repartirá uns 2.000 euros en premios entre todas as categorías. No caso dos disfraces infantís, recibirán agasallo os cinco nenos e nenas que vistan as súas mellores galas entroideiras.

A maiores, o Concello outorgará outros nove premios entre as modalidades individual, por parellas e en grupo. Os galardóns serán os que a continuación se indican:

Categorías individual e por parellas:
1º premio: 150 euros
2º premio: 100 euros
3º premio: 50 euros

Categorías por grupos:
1º premio: 500 euros
2º premio: 300 euros
3º premio: 200 euros

As persoas participantes no concurso tomaran parte no desfile, que arrincará o 27 de febreiro, ás 18.15 horas, no Campo da Feira. Desde este punto de partida, a comitiva pasará polas rúas Víctor Velasco, Manuel Ferrol, Paraíso e pola Avenida dos Mártires para chegar, de novo, ao Campo da Feira. Unha vez remate o percorrido, un xurado encargarase de elixir aos reis e raíñas deste Entroido. Para tomar a decisión, o tribunal terá en conta aspectos como a orixinalidade, a simpatía, o vestiario e a maquillaxe das persoas participantes.

Durante a xornada tamén haberá obradoiros de Entroido, de 16 a 18 horas. O toque musical correrá a cargo unha charanga, que se encargará de amenizar a tarde entroideira.

O prazo de inscrición estará aberto desde o vindeiro luns, día 14, ata o 25 do mesmo mes. As persoas que precisen máis información poderán contactar coa Casa da Cultura no teléfono 981 67 25 80 ou no correo casadacultura@carral.es.

CARRAL FESTEXARÁ O ENTROIDO CUN CONCURSO E DESFILE DE DISFRACES E CON OBRADOIROS INFANTÍS

ENTROIDO CARRAL 2022