CARRAL ESPERA REUNIR A 400 DEPORTISTAS NA CELEBRACIÓN DA I COPA GALICIA XCM

Carral será a sede da primeira Copa Galicia XCM, unha proba que dará continuidade á V BTT de Carral, xa consolidada no calendario deportivo do municipio. O alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Deportes, Francisco Bello, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e Enrique, David e Adrián, do Club BTT Carral, presentaron onte o certame. Durante a súa intervención, o rexedor sinalou o “orgullo que supón para un municipio de Carral converterse no lugar de celebración dunha proba deste nivel”. A proba, que se celebrará o 21 de agosto (de 9.00 a 14.00 horas), discorrerá, principalmente, polo concello e terá 70 km de percorrido.

A I Copa Galicia XCM, organizada pola Federación en colaboración co Club BTT Carral e o Concello, buscará cumprir os seguintes obxectivos: promover a práctica deportiva entre a veciñanza, dar a coñecer a vila e as paraxes naturais e históricas do municipio e, por último, fomentar o emprego da bicicleta nos desprazamentos.

O certame ofrecerá dous percorridos: unha maratón de 70 km e unha ruta curta de 45 km. Poderán anotarse ata un máximo de 400 persoas que deberán ser maiores de 16 anos para tomar parte no circuíto.

Ao remate da xornada, farase unha entrega de trofeos aos tres mellores equipos. A clasificación levarase a cabo tendo en conta a suma dos tempos dos tres primeiros corredores de cada grupo que realizaran o percorrido completo da ruta longa en menos tempo.

O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase o mércores, 17 de agosto. As persoas interesadas poderán anotarse a través da plataforma da Federación Galega de Ciclismo.