CARRAL, ESCENARIO DA VINDEIRA XORNADA DO CICLO PROVINCIAL ‘A CULTURA É UN DEREITO’

Coincidindo co 25 aniversario do Premio de Poesía, a Casa da Cultura de Carral acollerá mañá, xoves 9 de xuño, a xornada ‘Os certames de poesía como motores dunha literatura propia’. A proposta, organizada pola Deputación da Coruña e en colaboración co Concello, está englobada dentro do ciclo provincial ‘A Cultura é un Dereito’. A actividade contará coa presenza do alcalde, Javier Gestal, do deputado de Cultura, Xurxo Couto, e do concelleiro de Cultura de Carral, Francisco Bello. Con esta accción búscase reunir a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores/as gañadores de diversos premios e poesía de Galicia.

O programa da xornada comezará arredor das 10.30 horas coa inauguración e coa presentación do estudo ‘Os certames de poesía en Galicia: unha análise das convocatorias actuais’, a cargo do técnico de Cultura de Carral e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Carlos Lorenzo. Tanto ás 11.30 como ás 13.00 horas, está prevista a celebración de dúas mesas redondas. A primeira será sobre editoriais (‘A edición de poesía premiada’) e a segunda sobre autores e autoras galardoados (‘Chámome poeta e preséntome a concursos’).

A quenda de tarde comezará coa presentación dos Premios de Poesía do Concello de Carral e o Miguel González Garcés da Deputación da Coruña (ás 16.00 horas), e continuará coa conferencia ’25 anos da poesía galega’ a cargo de Yolanda Castaño (16.30 horas). A xornada rematará coa mesa redonda sobre ‘O futuro dos premios de poesía’ (17.15 horas).

Tras a clausura, terá lugar o concerto ‘Treides comigo!’ de Xoán Curiel na piscina municipal de Carral.