CARRAL CELEBRA O SÁBADO O SEU II TORNEO E O SEU XV CERTAME DE XIMNASIA RÍTMICA

O torneo disputarase en horario de mañá mentres que a exhibición será de tarde.

Cartel Rítmica 2O sábado 30 de abril a rítmica provincial centrarase en Carral, pola mañá co II torneo de ximnasia rítmica e pola tarde co XV certame municipal de ximnasia rítmica.

Ao redor das 11.00 da mañá, dará comezo o II Torneo de Ximnasia Rítmica de Carral. Este evento deportivo e de carácter competitivo, está organizado polo club X.R. Carral en colaboración co Concello. Desenvolverase ao longo de 2 horas e un total de 43 actuacións divididas en 8 categorías, desde babie ata cadete. Nesta primeira edición os clubs participantes serán o Mª Barbeito,  X.R. Abegondo, Colexio Obradoiro, X.R. Compostela, Compañía de María, X.R. Oza/Cesuras, Acordes, X.R. Oroso, Club In Mare, Club Viravolta de Santiago, Asociación Brío e por suposto o X.R. Carral. As actuacións serán valoradas por xuíces federadas que determinarán as campioas. Ao terminar o torneo, os tres mellores grupos de categoría entregaráselles o trofeo de mans do concelleiro de deportes  Rubén Regueira.

Xa pola tarde, ao redor das 17.00, dará comezo a XV edición do Certame de Ximnasia Rítmica de Carral.  Nesta edición participarán mozas do Colexio Mª Barbeito, Colexio Obradoiro,  Compañía de María, Oza/Cesuras e as Escolas Municipais de Abegondo e Carral. Este evento deportivo ten un carácter de mostra e exhibición a diferenza do torneo mañanceiro. As idades das deportistas oscilarán entre os 3 anos das máis precoces e os 17 das máis “veteranas”. En total espérase contar cun número aproximado de 150 ximnastas, que desenvolverán un total de 30 actuacións, tanto colectivas como individuais. A longo da hora e media que durará a exhibición, as deportistas demostrarán o seu dominio nas diferentes disciplinas deste deporte; mans libres, corda, pelota, cinta, aro e mazas. Unha vez terminada a actuación faráselles entrega a todas as deportistas dunha medalla conmemorativo do certame.