CARRAL APOSTA DE NOVO ESTE VERÁN POR ACTIVIDADES CULTURAIS AO AIRE LIBRE DA MAN DE CULTURÚA

  • As actividades inícianse este venres co espectáculo circense “Só.” de Xampatito Pato
  • Trátase da segunda edición deste programa, que inclúe danza, circo, música e cinema
  • A película “Cuñados”, o espectáculo de danza “Dancing´Queen” ou o rock infantil de Pakolas son varias das propostas que se escenificarán no Campo da Feira ata o mes de setembro

O Concello de Carral renova a súa aposta pola cultura ao longo deste verán coa celebración da segunda edición de CultuRúa no Campo da Feira, un programa cultural que inclúe espectáculos ao aire libre durante o verán de danza, música, circo e proxección de películas, que se prolongará ata principios do mes de setembro.

O rexedor, Javier Gestal, quere incidir en “a decidida aposta que desde o Concello de Carral facemos polas actividades de carácter cultural”.

A programación iníciase este venres 15 de xullo no Campo da Feira co espectáculo circense “Só.” de Xampatito Pato, que dará comezo ás 18h.

O vindeiro venres, 22 de xullo, será a quenda para o cinema galego da man da película de éxito “Cuñados”. A sesión está programada para as 22:30h e está recomendada para maiores de 7 anos.

O mes de agosto comeza forte co espectáculo de danza Dancin´Queen, a cargo de Marta Alonso Tejada, previsto para o luns día 1. O inicio da actividade será ás 18h.

O martes 30 de agosto será a quenda para a música infantil con Pakolas. O artista interpretará “Rockeando con Ramona Órbita” a partir das 18h.

Para finalizar a programación do programa CultuRúa, proxectarase o xoves 1 de setembro ás 22h a película apta para todos os públicos “A galiña Turuleca”.

O alcalde convida a “todos e todas, veciños e visitantes a achegarse ata o Campo da Feira e gozar da programación do CultuRúa ao longo do verán”.