CARRAL ACOLLE A ESTREA DA CURTAMETRAXE LA DAMA DEL TIEMPO

Cartel La Dama del tiempo - web.O Concello de Carral, en colaboración coas produtoras Mi Valle e Editspin Entertainment, estreará na Casa da Cultura a curtametraxe La dama del tiempo, o vindeiro venres 16 de decembro, ás 20:00 h.

La dama del tiempo foi producida e dirixida por Dino Trincado, xunto co seu fillo Marcos, e gravada en localizacións de Carral, Abegondo e Oleiros. No seu reparto figura a actriz Estíbaliz Veiga, que actualmente participa nas series Fontealba e Pazo de Familia da TVG, e en El final del Camino que emitirá TVE. Completan a lista de actores Manuel Viso, Alberto Martí Villardefrancos, Alberto Casal, Eusebio Álvarez, José Carlos Alonso e Ángel Seoane, entre outros.

Relatan os narradores que no século III, Cosme e Damián, médicos e santos, realizaron milagre tal que habería de constituírse no primeiro transplante da Historia. Tal foi así, que substituíron a perdida perna dun mercador pola dun etíope que falecera o día anterior. Séculos máis tarde, na batalla de Dunkerque, o disparo dun oficial alemán esnaquiza unha perna dun soldado inglés. Coa axuda da Dama do Tempo, o milagre repítese.

Esta película, rica en efectos especiais e elaborada infografía, é unha nova produción do ciruxán Dino Trincado, que reside en Carral, e que se fixo acompañar dun gran equipo técnico, tanto galego como do resto de España.

O acto de estrea estará presentado pola actriz e narradora Érica González Miguel, e contará coa actuación musical de membros do grupo Volando Libre cun repertorio de clásicos do cine.

Para a asistencia a este acto é necesario retirar previamente os convites na Casa da Cultura de Carral, xa que as localidades son limitadas. No caso de esgotarse, a Concellería de Cultura podería ofrecer unha nova proxección despois das 21:00 h, para acoller ás persoas que non tiveron ocasión de gozar da estrea.