A OFERTA DE ACTIVIDADES DO COMPLEXO DEPORTIVO ADÁPTASE ÁS NOVAS MEDIDAS PARA EVITAR CONTAXIOS POLA COVID-19

Co fin de adaptar o día a día no Complexo Deportivo Municipal á nova normalidade, o Concello de Carral elaborou un estrito protocolo para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias. Este documento inclúe medidas que afectan, non só no emprego do ximnasio, senón tamén no desenvolvemento das actividades gratuítas dirixidas para socios e socias. A oferta inclúe zumba, abdominais, pilates, global training, circuit training, core, gap, step tonic e body tonic. Así mesmo, organízanse tamén clases de pilates –de pago- que responden ao mesmo protocolo.

Como parte do mesmo, establécese un número máximo de 5 alumnos/alumnas máis o monitor/a por grupo. Isto é, a aula conta con 17 m2 por persoa. Para participar, os socios e socias deben facer previamente a súa reserva na recepción da dependencia. A desinfección de mans e o emprego da máscara é obrigatorio ao longo de toda a actividade –procurando, ademais, ventilar o espazo-. Antes e despois de cada sesión, lévase a cabo a ventilación, a limpeza e desinfección do material empregado e frégase o chan.

En total, unhas 30-40 persoas fan uso do ximnasio do Complexo Deportivo ao longo do día. Pola outra banda, as actividades dirixidas reciben, de media, a unhas 60 persoas á semana. 

FOTO CARRAL- Actividades dirixidas complexo deportivo 2