A 7ª XUNTANZA DE PALILLEIRAS DE CARRAL XUNTARÁ A UNHAS 250 AFECCIONADAS AO ENCAIXE

Xuntanza Palilleiras Carral - 2014 - 010WEBA Concellería de Cultura do Concello de Carral desenvolverá o vindeiro sábado 24 de outubro a sétima edición da Xuntanza de Palilleiras de Carral, na que está prevista a participación de 250 afeccionadas ao encaixe.

Este evento, que terá lugar no Pavillón Deportivo do Espiño, fronte á Casa da Cultura, comezará ás 11:00 da mañá coa recepción das palilleiras, facendo un descanso de 14:00 a 16:00 e rematando ás 19:00 h. A xuntanza está aberta ao público, que poderá gozar dos traballos que en vivo realizan as encaixeiras, así como dos produtos que ofrecen as múltiples tendas que terán presenza no Espiño. Tamén terá ocasión de desfrutar da actuación folclórica do grupo O Rueiro ás 13:00 h, e da actuación do humorista Pedro Brandariz ás 16:00 h.

Tanto participantes como público poderán ollar as exposicións que se organizarán. Unha delas corresponde a unha colección de panos de man de encaixe galego, propiedade de Mario Gallego Rey, o maior experto en encaixe . Outra mostra estará formada por traballos da escola municipal de Teares e Tapices de Carral. Haberá tamén unha zona para visualizar unha proxección sobre as pasadas edicións desta xuntanza.

Para palillar están inscritos grupos de Carral, Oleiros, Arteixo, Sada, A Coruña, Noia, Vigo, Abegondo, Ames, Rois e Asturias.