A Concellaría de Cultura do Concello de Carral organiza para esta fin de semana o ciclo ‘Música Íntimas’, un proxecto que se levará a cabo no Edificio Social Toñito Espiñeira e que se enmarca na Rede Cultural da Deputación da Coruña e en ‘Cultura no Camiño’ de AGADIC.

En total celebraranse dúas actuacións. A primeira delas é ‘Degustación musical’, un espectáculo de Bellón Maceiras Dúo integrado por Dani Bellón e Diego Maceiras. Os artistas explorarán os timbres e posibilidades dos instrumentos de varios lugares do mundo como Galicia, Bangladesh, Xapón ou América do Sur.

Así, o público viaxará por unha ruta de composicións propias, novos arranxos para pezas tradicionais ou tamén algúns dos seus clásicos dentro dos seus 17 anos de historia.

O domingo será a quenda de Uxía e Germán Díaz que, nesta ocasión, contarán coa colaboración do guitarrista Sergio Tannus para ofrecer un show que pretende mostrar a beleza da tradición musical dos diferentes percorridos que forman o Camiño de Santiago.

Ambas as funcións serán ás 21:00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.

O Concello abriu o pasado 11 de agosto o período de información pública da modificación puntual das normas subsidiarias do plan nun sector do lugar de As Travesas. A aprobación inicial produciuse no pleno de marzo e, agora, os veciños e veciñas dispoñerán de dous meses para formular as súas alegacións.


Esta modificación traerá consigo varios beneficios para o Concello. Por unha banda, a consolidación do tecido empresarial existente favorecendo a creación de emprego e a fixación de poboación activa na contorna rural do Concello. Por outro, a mellora de dotacións públicas, pois a modificación inclúe a implantación de zonas verdes (14.650,60m2) e equipamentos (691,46m2), así como infraestruturas de comunicacións que mellorarán a mobilidade e a seguridade viaria ao redor da estrada autonómica AC-542 por onde discorre o Camiño Inglés. Tamén se prevén infraestruturas de servizos que, ademais de resolver as necesidades da actuación prevista, posibilitarán a extensión da rede de saneamento ata o núcleo rural de As Travesas.


O ámbito da modificación puntual ten unha superficie total de 104.984,42m2. O sector de chan urbanizable ten unha superficie de 92.449,81m2, cun índice de edificabilidade de 0,30m2/m2, que supoñen un total de 27.734,94m2 de superficie edificable máxima.

As vacacions de verán están chegando ó seu fin e desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organizamos unha actividade para despedilas, o DÍA MULTIAVENTURA! O mércores 30 de agosto pasaremos unha xornada nos karts e nos kaiak.

A actividade está destinada a rapazas e rapaces de entre 12 e 17 anos, con preferencia para empadroadas/os, saindo do Local Interxeracional ás 9:00 h., e regresando o mesmo lugar sobre as 19:30 h. aproximadamente.

O prazo de inscrición será do 16 de agosto (a partir das 17:00 h.) ó 23 de agosto (ata as 20:00 h.) Para anotarte deberás pasarte pola OMIX (Local Interxeracional, r/ Alcalde Juan Seijas, nº 8, baixo – luns a venres de 17:00 a 20:00 h.) e cubrir folla de inscrición/autorización pola tua nai/pai/titor-a

As prazas son limitadas!

O prezo da actividade é de 17 €. Pero non debes facer o pago ata que te avisemos de que tes praza.

RECOMENDACIONS: Levar traxe de baño, sandalias, toalla, protección solar, gorra, comida e bebida.

‘Auga que has de beber, non a deixes perder’. Ese é o lema central da nova campaña que o Concello pon en marcha ante a prealerta por escaseza moderada. O alcalde de Carral, Javier Gestal, sinala que tras o anuncio da Xunta faise máis necesario “concienciar á cidadanía sobre o coidado dun recurso tan prezado como é a auga”.

Ante esta situación, o Concello reducirá os baldeos e limitará a rega de zonas públicas ao estritamente necesario. A maiores, está levando a cabo varias accións informativas. Por unha banda, elaborou un bando no que se brindan recomendacións para os veciños e veciñas. Entre elas, aconséllase a revisión e reparación de billas ou tubaxes danadas para evitar perdas de auga. A maiores, suxírese priorizar os usos domésticos da auga: evitar o lavado de coches ou encher as piscinas e regar os xardíns ás últimas horas do día.

En paralelo, o Concello iniciará unha campaña para sensibilizar e concienciar do uso responsable da auga a través das canles de comunicación municipais. Con esta iniciativa, proporcionará aos usuarios e usuarias datos de interese sobre a auga, así como recomendacións para reducir o seu malgasto. 

O Concello de Carral elaborou un bando debido á declaración da prealerta por escaseza moderada de auga en Galicia. No documento recóllense algunhas recomendacións e consellos atendendo ás indicacións trasladadas pola Xunta de Galicia.

En paralelo, o Concello iniciará unha campaña para sensibilizar e concienciar do uso responsable da auga, proporcionando aos usuarios e usuarias información de interese e consellos para evitar o malgasto deste recurso.

Publícase a acta do tribunal cualificador nomeado no procedemento de selección para a contratación dun/ha auxiliar administrativa para o departamento de Servizos Sociais cos resultados da puntuación total acadada polos aspirantes nas probas recollidas no punto catro das bases que rexen a mencionada contratación.

Coa publicación desta acta outórgaselles a todas as persoas interesadas un prazo de dous días hábiles para que poidan presentar as reclamacións ou alegacións que estimen oportunas.

Consulta aquí a acta.

Faise público para xeral coñecemento a listaxe de persoas que superaron o exame tipo test realizado no proceso selectivo para a contratación dun/ha auxiliar administrativo/a para o departamento de Servizos Sociais e fíxase o día, a hora e o lugar da última proba recollida nas bases que rexen a presente convocatoria.

Consulta aquí o documento.

Carral conta, desde esta semana, con dous auxiliares de Policía Local que reforzarán, durante o verán, os labores que se realizan desde o corpo de seguridade. O alcalde, Javier Gestal, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Susana Guimarey, deron a benvida aos novos axentes, que estarán en Carral durante agosto e setembro.

A incorporación dos auxiliares realizouse a través do convenio entre o Concello e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e permitirá seguir “ofrecendo un mellor servizo á cidadanía”.

Nos últimos meses, o goberno local promoveu numerosas melloras na área de seguridade cidadá. Entre elas, destacaron as seguintes: a suma de dous efectivos policiais para cumprir coa cociente policial obrigatoria, a renovación da frota de vehículos policiais, a implantación dos últimos avances en tecnoloxía para a vixilancia e a ordenación do tráfico e a disposición dun programa que homogeniza e vincular á Policía Local de Carral con outras da contorna próxima.

Carral xa ten data para celebrar a II Copa Galicia XCM: será o domingo, 6 de agosto. A proba, que busca dar continuidade á VI BTT de Carral, viviu no ano 2022 a súa primeira edición asinando un éxito en cifras de participación, con máis de 400 inscritos. O alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Deportes, Francisco Bello, e Enrique e David Maroño, do Club BTT Carral, presentaron, esta semana, o certame.

A II Copa Galicia XCM, organizada polo Concello de Carral e o Club BTT, busca cumprir os seguintes obxectivos: promover a práctica deportiva entre a veciñanza, dar a coñecer a vila e as paraxes naturais e históricas do municipio e, por último, fomentar o emprego da bicicleta nos desprazamentos.  

As inscricións poden realizarse a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo. As persoas interesadas deberán elixir entre tres posibles percorridos. Por unha banda, poderán escoller a ruta longa, de 60 km. Pola outra, terán a posibilidade de realizar unha ruta curta de 45 quilómetros e, por último, haberá tamén unha terceira alternativa de paseo de 25 km.  

Ao remate da xornada, farase unha entrega de trofeos aos tres mellores equipos. A clasificación levarase a cabo tendo en conta a suma dos tempos dos tres primeiros corredores de cada grupo que realizaran o percorrido completo da ruta longa en menos tempo.

Publícase a acta do tribunal cualificador, relativa á proba tipo test para a contratación dun/ha auxiliar administrativo/a para o departamento de Servizos Sociais realizada o mércores, 26 de xullo de 2023.

Coa publicación desta acta outórgaselles a todas as persoas interesadas un prazo de dous días hábiles para que poidan presentar as reclamacións ou alegacións que estimen oportunas.

Consulta aquí a acta.