Por decreto da alcaldía nº 90/2021, do 5 de marzo, resolveuse aprobar a lista provisional de admitidos e excluídos dos candidatos/as presentados para a contratación dun traballador/a social para o departamento de Servizos Sociais do Concello de Carral a xornada completa na modalidade contractual de interinidade ata a incorporación da titular do posto. Outórgaselles ás persoas interesadas un prazo de DOUS DÍAS HÁBILES (luns 8 e martes 9 de marzo de 2021) para reclamacións ou correccións segundo o establecido nas bases que rexen o procedemento. Para calquera dúbida ou aclaración poden dirixirse ao departamento de Persoal no 981670002.

VER LISTA

O prazo de presentación de orixinais para participar na 24ª edición do Certame de Poesía do Concello de Carral. A persoa gañadora do concurso recibirá un premio de 2.500 euros e o título gañador publicarase a través da editorial Espiral Maior.

No certame poderán participar autores e autoras maiores de idade e que non recibirán o premio do concurso nos últimos dez anos. As obras terán que ser orixinais, inéditas, non ter sido galardoadas noutros concursos e ter unha extensión de, como mínimo, 500 versos.

Os traballos presentaranse na Casa da Cultura do Concello de Carral e, ante calquera dúbida, poderase chamar ao 981 672 580 ou enviar un correo electrónico a cultura@carral.es.

O xurado estará presidido polo alcalde de Carral -ou polo concelleiro ou concelleira no que delegue esta función- e formado por dúas persoas de recoñecido prestixio no mundo da poesía galega, así como polo autor gañador da pasada edición. O fallo do tribunal darase a coñecer na primeira quincena de maio e o galardón entregarase o día 28 do mesmo mes. 

Por decreto da alcaldía nº 80/2021, do 2 de marzo de 2021, aprobáronse as bases que rexerán a contratación de cinco traballadores, oficiais de segunda (catro albaneis e un electricista)) para a cuadrilla de obras do Concello subvencionada pola Deputación da Coruña ao amparo do Programa de Integración Laboral, PEL-CONCELLOS 2021.
Trataríase dun contrato de obra ou servizo determinado, a xornada parcial (30 horas/semana), a duración (inmediatamente posterior á finalización do proceso de selección ) ata o 31 de decembro de 2021, suxeito ás condicións das bases que rexen a contratación e á subvención da Excma. Deputación.
O prazo para a presentación de instancias será de catro días hábiles desde a publicación deste anuncio no taboleiro e na web do Concello; isto é, ata o próximo 9 de marzo inclusive.
Se as persoas interesadas desexan optar a máis dun posto deberán presentar unha instancia por cada un deles.
Para calquera dúbida ou aclaración poden dirixirse ao departamento de Persoal do Concello de Carral en horario de 9:00 a 14:00 horas a través do teléfono 981670002.

PREME PARA VER BASES DE SELECCIÓN

Desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) elaboramos unha enquisa para coñecer cales son as demandas e inquedanzas dos mozos e mozas do noso concello. Para elo deberás entrar no enlace e responder a unhas cuestión. Por suposto é anónima, e tan só che levará un par de minutos! Agradecémos a túa colaboración!

https://forms.gle/KWKXLyENpxfBVLqg8

O Complexo Deportivo do Concello de Carral volverá abrir as súas portas desde o luns, 1 de marzo. Farao, iso si, atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Este documento inclúe medidas que afectan, non só ao uso do ximnasio, senón tamén ao desenvolvemento das actividades gratuítas dirixidas aos socios e socias, así como ás clases de pilates –de pago-.

O documento reflicte, entre outras, as seguintes cuestións: o aforo máximo da dependencia -20 persoas-, a obrigatoriedade no uso de máscara e no mantemento da distancia interpersoal e a obriga, por parte dos usuarios e usuarias, de empregar unha toalla e de desinfectar o material despois do seu uso.

No caso das actividades dirixidas, os grupos estarán conformados por 4 persoas participantes máis o monitor ou monitora. Antes e despois de cada sesión, levarase a cabo a ventilación, a limpeza e desinfección do material empregado e fregarase o chan. A maiores, o Concello realizará dúas desinfeccións diarias do recinto.

Ampliación do Centro Deportivo

Co obxectivo de adaptar esta instalación á nova realidade provocada pola pandemia da covid-19, o Concello de Carral proxecta a ampliación do Centro Deportivo. Actualmente, a dependencia dispón dunha única aula para o desenvolvemento das actividades. As actuacións previstas polo equipo de goberno suporán o incremento do espazo, a creación dunha zona de almacén e a colocación de renovadores de aire e climatización adaptados á instalación. Estas intervencións implicarán, ademais, a reubicación do acceso ás pistas de pádel e a rehabilitación e acondicionamento da pista multideporte actual.

Atendendo á situación sanitaria actual, o Concello de Carral non organizará actividades presenciais para conmemorar o Día Internacional da Muller. Así o confirman desde o goberno local incidindo, iso si, en que levarán a cabo “propostas para seguir  promovendo a  igualdade entre homes e mulleres entre a cidadanía”. Así, o Concello acaba de poñer en marcha un proceso participativo para “levar a igualdade ás rúas”, explican desde o equipo de goberno. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas poderán propoñer o nome dunha muller para bautizar un lugar público do municipio -unha rúa, praza, lugar ou ruta de Carral-.

O goberno percibiu que, actualmente, só hai unha rúa en Carral que leva un nome feminino -rúa Rosalía de Castro-. Ante isto, o equipo de goberno decidiu lanzar esta iniciativa, que xa está dispoñible no apartado de participación da aplicación móbil ‘Coida Carral’. Unha vez accedan á  app, os usuarios e usuarias poderán achegar unha proposta ou votar polas alternativas que formen parte xa da lista.

A cidadanía poderá propoñer o nome dunha muller ou de colectivos de mulleres destacables -tanto pola súa historia e traballo como polo seu papel na loita pola igualdade-. Este proceso participativo estará aberto ata finais de marzo.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, mantivo unha reunión coa xefa de servizo de Infraestruturas Agrarias para abordar a situación actual da parcelaria de San Vicente de Vigo. Durante o encontro, o rexedor preguntou polo estado no que se atopa este proceso actualmente. Segundo os cálculos do organismo, o 100% das leiras estarán entregadas aos propietarios no mes de marzo.

Segundo a información proporcionada ao alcalde, o 80% das parcelas xa están rexistradas e listas para entregar aos donos. Con todo, a intención é completar o proceso co 20% das parcelas restantes para facer a entrega.

Se algún veciño ou veciña require información sobre unha parcela, pode solicitar unha nota simple acudindo presencialmente ao Rexistro da Propiedade ou a través da páxina web do organismo.

A Xunta de Galicia publicou unha orde no Diario Oficial de Galicia pola cal se abre un prazo de 20 días para presentar alegacións ao plan de conservación Espazo Natural de Interese Local do río Abelleira, paso previo para a súa aprobación definitiva.

No decreto 58/2021, do 10 de febreiro de 2021, o sr. alcalde resolve aprobar as bases e iniciar o procedemento de contratación dun/ha traballador/a para o departamento de servizos sociais do Concello de Carral: categoría profesional de traballador/a social, xornada completa, modalidade contractual de interinidade ata a incorporación da titular do posto.

Para participar no procedemento, ao abeiro do recollido no punto 4 das bases, os/as interesados/ as poderán facelo segundo o modelo que se adxunta coas bases no prazo de cinco días hábiles contados a partir da publicación do anuncio da convocatoria no taboleiro de anuncios e na web do Concello; isto é, desde o 15 de febreiro ao 22 de febreiro (5 días hábiles).

Máis información no servizo de Persoal do Concello de Carral en horario de 9 a 14 horas.

Ver DECRETO

Ver BASES DE CONTRATACIÓN TRABALLADOR/A SOCIAL

En virtude do convenio entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención de incendios forestais infórmase do seguinte:

Realizaranse inspeccións en campo e notificarase aos propietarios e propietarias das parcelas que limitan coas pistas sinaladas no plano sen xestionar. As persoas propietarias contarán cun prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da notificación para xestionar a parte afectada das parcelas. Se pasado este prazo non se actuou nestas, Seaga procederá a realizar os traballos con cargo ao convenio.

Os traballos consistirán na roza de mato e a retirada de especies arbóreas non permitidas (piñeiros, acacias, eucaliptos) nos 4 metros a cada lado das marxes das vías de titularidade municipal aprobadas, para adecualas ás distancias establecidas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

No caso de haber madeira de especies que non poidan estar presentes, os propietarios poderán retirala antes de que remate o prazo indicado. Se é Seaga quen, finalmente, realiza estes traballos, a madeira será decomisada polo convenio.

As persoas que precisen máis información poderán contactar co servizo de Medio Ambiente do Concello de Carral no teléfono 981 67 00 02.