O alcalde Javier Gestal e o concelleiro de Cultura Fran Bello xunto ao panel instalado no Campo da Feira

O departamento municipal de Cultura e o de Normalización Lingüística veñen de instalar en diferentes puntos de Carral paneis que ofrecen datos biográficos e da obra literaria de Xela Arias, a autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Con esta iniciativa, que xa se fixo en anos anteriores, preténdese difundir a figura da autora e o seu papel na literatura e na defensa da lingua galega.

Os paneis inclúen tamén o poema Intempériome.

O deseño dos paneis difundirase tamén a través da páxina de Facebook Cultura Carral e a do Concello de Carral. Tamén se realizaron deseños semellantes aos paneis para que circulen a través de Whatsapp e Telegram.

O Concello resolverá, proximamente, unha débeda histórica coa veciñanza de Carral: a regularización do Servizo de Axuda no Fogar, pendente desde hai case dúas décadas. Os pregos do SAF xa están concluídos e o expediente de contratación deste servizo foi aprobado na xunta de goberno local celebrada esta mesma semana.

Desde o equipo de goberno sinalan que “a regularización deste servizo foi unha das nosas máximas prioridades cando entramos no Concello” e lembran que “a elaboración dos pregos levaba pendente desde hai practicamente 20 anos”. “Trátase dunha demanda histórica que suporá unhas mellores condicións tanto para o persoal como para os usuarios e usuarias do municipio”.

O servizo sairá a contratación cun orzamento base de licitación de 1.180.283,36 euros. O prazo de execución do contrato será de dous anos.

O Concello abrirá, proximamente, a fase de adxudicación mediante a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante e no Diario Oficial da Unión Europea. 


O Club de Ximnasia Rítmica de Carral celebrará mañá, sábado 8 de maio, en colaboración co Concello, a 6ª edición do seu Torneo de Ximnasia Rítmica. Porén, debido á situación sanitaria actual, a competición trasladarase, este ano, ao formato telemático. En concreto, as 30 actuacións incluídas na programación desta 6ª edición retransmitiranse a través da canle de Youtube de Deportes Carral. Ao longo de toda a mañá, daranse cita un total de nove clubs das provincias da Coruña e Pontevedra.

O torneo estará dividido en dúas partes: a primeira consistirá na publicación das diferentes actuacións das agrupacións, mentres que a segunda será a deliberación do xurado. Os números dos diferentes clubs faranse públicos entre as 11.30 e as 13.05 horas –cun descanso de 20 minutos-. O xurado, composto por Elena Sierra –profesora no INEF da Coruña-, Míriam Fernández e Sandra Estrada –ambas as dúas ximnastas de nivel e adestradoras- irán valorando as actuacións a medida que se vaian publicando. As clasificacións do Torneo faranse públicas ao longo do día e os trofeos –un total de 21- enviaranse aos clubs gañadores.

Esta 6ª edición contará coa participación dos seguintes clubs: Club Rítmica Coruña, Club Agarimo, Club Saraiba ED. Poio, Club Biqueira, XR. Abegondo, Club XR Carral, Colexio Obradoiro e Club de Ximnasia Porriño.

Carral ofrecerá, ao longo do mes de maio, unha nova edición do seu programa de espectáculos infantís ‘Papeques’, dirixido aos nenos e nenas do municipio. A programación arrincará mañá, venres día 7, e prolongarase ata o 27 de maio. Ao longo das vindeiras semanas, os pequenos e pequenas poderán gozar de funcións de teatro, contacontos, cine e mesmo música. Esta nova convocatoria estará estreitamente vinculada ao Premio de Poesía Concello de Carral e á celebración do Día das Letras Galegas.

A primeira actividade terá lugar mañá, venres 7 de maio ás 18.00 horas, na biblioteca da Casa da Cultura. A compañía Migallas Teatro relatará aos cativos e cativas o conto “Os tres porquiños”.

O programa continuará o xoves, 13 de maio ás 18.00 horas, na biblioteca da Casa da Cultura con “O Paroleiro” de Pablísimo. Ao día seguinte, 14 de maio ás 18.00 horas, terá lugar a proxección da película “Dora y la ciudad perdida” na Casa da Cultura.

A primeira función teatral aterrará o sábado, 15 de maio ás 18.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio. A interpretación correrá a cargo da Asociación Teatral Paso de Valverde con “Ultrasónica”. A agrupación Talía Teatro collerá a testemuña o xoves, 20 de maio ás 18.00 horas, coa obra “Rosa Caramelo” (Casa da Cultura).

O calendario continuará coa proxección do filme “A Familia Adams” o venres, 21 de maio ás 18.00 horas, na Casa da Cultura.

Lydia Botana traerá a Carral “A feira das linguas”, un espectáculo que mestura música e teatro dirixido a nenos e nenas maiores de 7 anos. Será o sábado, 22 de maio ás 18.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio.

O grupo de música Mamá Cabra tomará parte tamén nesta 4ª edición de ‘Papeques’ co seu obradoiro de arrolos. O evento levarase a cabo o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio.

Este ciclo pecharase co contacontos “Festa da Poesía das Catro Estacións” de Trinketrinke Teatro. Será o xoves, 27 de maio ás 18.00 horas na Casa da Cultura.

Todas estas actividades levaranse a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Así, as entradas –de balde- serán limitadas co fin de garantir a distancia interpersoal entre o público asistente e os aforos. As persoas interesadas poderán obter os seus convites chamando ao 981 67 25 80 -72 horas antes da celebración da actividade-.

‘Papeques’ conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e da Xunta de Galicia por medio de Ler conta moito

O alcalde do Concello de Carral, Javier Gestal, e membros do goberno local mantiveron, esta mañá, unha reunión con representantes da Sareb. Durante o encontro telemático, o rexedor solicitou unha solución para os edificios inacabados de Carral titularidade da súa titularidade.

Tal e como o equipo de goberno explicou durante a reunión, “estes proxectos urbanísticos sen completar teñen un enorme prexuízo no municipio, na medida en que afean o núcleo urbano e poden supoñer, ademais, riscos para as persoas viandantes”. Para poñer fin a este problema, o executivo demandou que se acometese a urbanización exterior e que se creasen beirarrúas, entre outras solicitudes.

Pola súa banda, o banco comprometeuse a terminar aquelas edificacións do municipio que estivesen executadas ao 75% indicando, ademais, que se estudaría a solicitude exposta polo Concello.

O vigués Álex Mene acaba de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.

O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-.

Álex Mene (Vigo, 1969) é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, cidade onde tamén se especializou en Realización e Produción no Instituto Oficial de Radio e Televisión. No ano 2018 publicou o álbum ilustrado A raíña das tortas –Alvarellos-. Así mesmo, gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento” coa súa obra Indómita e a semente da inmortalidade –Bululú-. No ano 2020 obtivo o 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). Este ano, a súa novela Ana e as súas irmáns (Do Peirao) verá a luz.

O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.

Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.

O Concello de Carral está xa a traballar na XXV edición do Concurso de Poesía, que terá lugar o vindeiro ano. Co obxectivo de converter Carral na capital da poesía galega, estanse a organizar recitais, xornadas literarias, espectáculos relacionados con este xénero, proxeccións, exposicións, etc.

Concursos escolares e xuvenil

Os certames escolares e xuvenil, que se resolverán nos próximos días, acadaron tamén unhas excelentes cifras de participación. Tanto así, que tomaron parte nestes concursos uns 120 alumnos e alumnas dos centros de ensinanza do municipio. 

Carral rememorou hoxe a súa historia. O municipio acolleu un acto en conmemoración do 175 aniversario dos Mártires. O evento, organizado polo Concello xunto coa Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro, incluíu a lectura colectiva dun poema e unha ofrenda floral no monumento.

A homenaxe comezou na Casa do Concello e desde alí, a comitiva partiu en dirección á praza da Capela. Alí, varios alumnos e alumnas dos centros de ensinanza do municipio recitaron o poema de Manuel María “É xa tempo de erguer a liberdade”. A continuación, tivo lugar a tradicional ofrenda floral diante do panteón.

O acto levouse a cabo seguindo as restricións sanitarias actuais pola covid-19. Así, as persoas asistentes portaron a máscara en todo momento e mantiveron a distancia de seguridade para reducir o risco de contaxio.

Durante a súa intervención, o alcalde de Carral, Javier Gestal, referiuse aos feitos acaecidos hai 175 anos como “algo que nunca debeu ocorrer”. O rexedor lembrou, así mesmo, a Xosé Ramón Barreiro, recentemente finado: “foi quen mellor investigou e divulgou o acontecido naquela Revolución de 1846 e que rematou aquí en Carral co fusilamento de 12 oficiais liderados por Miguel Solís”.

O Concello de Carral e a Asociación Teatral Abril de Lume e Ferro levarán a cabo un acto de homenaxe aos Mártires de Carral no 175 aniversario dos tráxicos fusilamentos acontecidos en Paleo e a Fraga do Rei.

O acto terá lugar o domingo 25 de abril ás 13 horas, partindo unha comitiva desde a Casa do Concello cara o monumento onde se fará unha ofrenda floral. Se a climatoloxía o permite, antes da ofrenda, na Praza da Capela, o alcalde e un representante da asociación Abril de Lume e Ferro se dirixirán aos presentes para lembrar os 12 oficiais mortos o 26 de abril de 1846 en Carral. Logo farase unha lectura do poema “É xa tempo de erguer a Liberdade” de Manuel María.

O dia 22 de abril comeza o prazo para solicitar as axudas ao estudo do Concello de Carral do curso actual 2020/2021

Entregar solicitude no rexistro municipal ou pola sede electrónica https://sede.carral.es/opencms/gl/1.

PRAZO: ata o 12 de maio

Requisitos: empadroad@s en Carral

     Estudos postobrigatorios de carácter público: bacharelato, ciclos formativos, fp básica ou similares

     Estudos universitarios públicos ou privados

     Estudos de 2º ciclo de infantil de carácter público

Inscricións no BOP do día 15 de marzo de 2021 :

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2021/03/15/2021_0000001952.pdf

Tamén no Edificio Social Toñito Espiñeira ou no rexistro do Concello. Para máis información no Departamento de Educación educación@carral.es ou no 678338872

O Instituto Enerxético de Galicia publicou unha nova liña de axudas para proxectos de mellora enerxética (toldos, equipos de iluminación, instalación eléctrica, equipos de iluminación e ventilación).

A convocatoria está dirixida a persoas autónomas, hostalaría, comercios, etc.

Se precisades máis información podedes chamar ao teléfono 981 67 00 02 (servizo de Medio Ambiente do Concello de Carral).