O Concello levará a cabo, ao longo de toda a fin de semana, varias actividades nas que a música, a pintura e a danza serán as grandes protagonistas. Como parte do programa Elas son artistas, a piscina municipal de Carral converterase no lenzo dun obradoiro de pintura mural co que se busca concienciará  mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo.

Este obradoiro terá lugar o sábado, 12 de xuño de 11.00 a 14.00 horas, e o domingo, 13 de xuño, de 10.00 a 19.00 horas –cunha pausa para comer-. O sábado impartirase a parte teórica da actividade, mentres que o domingo será a quenda da parte práctica, coa que se dará continuidade ao mural iniciado o ano pasado, tamén como parte de Elas son Artistas.

A programación da fin de semana incluirá, ademais, unha actuación a cargo da cantante Pauliña, tamén na piscina municipal (domingo, 13 de xuño ás 19.30 horas). Este acto será de entrada libre e ata completar aforo. Así mesmo, e como broche final do obradoiro, terá lugar a actuación da agrupación Entremáns, que interpretará a peza Amparo, baseada na novela “La Tribuna”, de Emilia Pardo Bazán.

Atendendo ás restricións sanitarias pola covid-19, as persoas interesadas deberán anotarse chamando previamente ao 981 67 25 80.  

Desde o Concello de Carral infórmase de que as persoas interesadas en facer unha cacharela de San Xoán na noite do 23 ao 24 de xuño, deberán facer unha comunicación ao Concello de Carral.

Poden formulala enchendo o seguinte documento.

Queres aprender a facer pintura mural de arte urbana? Desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organizamos este obradoiro para que desenvolvas toda a túa creatividade artística e aprendas a facer pintura mural tanto con spray como con pintura plástica.

Para rapazas e rapaces a partir de 15 anos, desenvolverase no local Interxeracional durante o venres 25 e sábado 26, de 10:00 a 14:00 h. e de 15:00 a 20:00 h.

O curso é gratuito e as prazas son limitadas e a data para inscribirse remata o 22 de xuño. Se estás interesado/a en realizalo ou queres mais información podes chamar o 674.793.475 ou a través dun correo electrónico a omix@carral.es.

A realización de este obradoiro levarase acabo cumprindo as medidas de prevención do Covid-19.

A situación sanitaria obrigou ao Concello de Carral a cancelar, este ano, a súa tradicional Festa do Pan, unha celebración gastronómica para exaltar ao seu produto estrela: o pan de Carral. Con todo, co obxectivo de poñer en valor este e outros produtos locais, o Concello organizará este domingo, 30 de maio, unha xornada de exaltación á súa rica oferta gastronómica. O evento arrincará ás 13.00 horas no campo da feira, onde ese día se celebra tamén o tradicional mercado do último domingo de mes.

A actividade incluirá un showcooking a cargo de Iago Cagiao, Premio Picado Cidade da Coruña 2019. Así mesmo, como parte do evento haberá tamén unha maridaxe por parte de Miguel  Viña, responsable da tenda de alimentación Mundo Galego.

O evento levarase a cabo seguindo as medidas de prevención hixiénico-sanitarias para reducir así o risco de contaxios pola covid-19.

O Concello celebrará mañá, xoves 27 de maio, un pleno ordinario no que se elevarán os orzamentos de 2021. O documento ascende a 5.800.917,34 euros, o que supón un crecemento do 5,30% con respecto ao de 2020. A concelleira de Economía, Facenda, Réxime Interior e Recursos Humanos explica que se trata duns orzamentos “sociais porque estiveron marcados pola pandemia, de xeito que tivemos que facer varias modificacións para adaptarnos ás novas demandas xurdidas a raíz da pandemia”. Precisamente, o documento inclúe novas partidas dedicadas á reactivación da economía na era poscovid, así como a apoiar aos veciños e veciñas en risco de exclusión social.

O documento económico contempla novas partidas que irán dirixidas a apoiar ás empresas e persoas autónomas do municipio, así como outras dedicadas a favorecer o comercio local. Estas premisas cumpriranse, fundamentalmente, a través de dúas medidas: por unha banda, coa incorporación dun apartado de 140.000 euros para as axudas do programa PEL-Reactiva e, polo outro, por medio da creación dun novo posto de ADL -en colaboración con outros Concellos-.

O departamento de Servizos Sociais segue sendo prioritario para o goberno local. Así, ademais de manter as partidas económicas con respecto a outros exercicios, o goberno local reforzará o traballo que se realiza desde este departamento cunha importante novidade: a contratación dun técnico e dun auxiliar que reforzarán o traballo realizado desde o departamento de Servizos Sociais.

Preto dun millón en investimentos

O capítulo de investimentos, de 905.375,36 euros, servirá para realizar proxectos que incrementarán e mellorarán os servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. Nesta contía inclúense aquelas actuacións financiadas pola Deputación da Coruña (instalación de iluminación con tecnoloxía LED na DP-1704, humanización e mellora da capa de rodadura en varios viais de Paleo, Beira, Tabeaio, Soavila e Cañás, reforma do Centro Deportivo de Carral e renovación das pistas de tenis para convertelas en pistas multideporte), e outras que se pagarán con fondos propios. Neste último apartado, o goberno local destaca a creación dunha partida para a adquisición de terreos que, probablemente, empregarase para comprar unha parcela anexa ao Campo da Feira coa que crear unha zona de acceso peonil a praza da Capela, así como para comprar outro solar anexo á nave de obras coa que se incrementará o espazo de provisión. O goberno local reseña, ademais, os proxectos de humanización e mellora do núcleo urbano, entre os que se inclúen a derriba do antigo bar Primavera e a creación de amplas zonas de aparcamento na zona centro.

O goberno centrará esforzos, ademais, na renovación do tendido eléctrico para reducir o número de incidencias no municipio. Para logralo, destinarase unha partida de 100.000 euros -da cifra total, o 80% financiaríase a través dunha subvención do IDAE-. A previsión do goberno local é iniciar estes traballos polas parroquias, por ser as que presentan máis carencias.

O goberno mantén a súa aposta pola cultura

As actividades para promover a conciliación da vida familiar e laboral -campamentos de verán e programa madrugadores- en colaboración cos centros educativos, así como as de tipo cultural seguen sendo unha prioridade para o goberno local.

O Concello manterá, así mesmo, o seu apoio aos centros de ensino con dúas partidas: unha de 12.000 euros para a organización de cursos e actividades extraescolares e outra de 8.000 euros para continuar promovendo medidas que favorezan a conciliación.

O documento de 2021 reflicte tamén un aumento do Gasto de Persoal (1.960.683,25 euros) do 7,2%. Así mesmo, preséntase tamén un incremento do gasto en Bens Correntes e Servizos (2.044.805 euros) do 7,7%.

Actualización da RPT

O pleno servirá, así mesmo, para elevar a actualización da Relación de Postos de Traballo – RPT-. Como explica a concelleira Economía, Facenda, Réxime Interior e Recursos Humanos, a proposta realizouse para adaptar os postos ás necesidades que non estaban cubertas no Concello, e supuxo unha revisión salarial.

O Concello reforzará a seguridade cidadá por medio de dúas importantes novidades: por unha banda, coa incorporación de dous novos policías locais e, polo outro, coa instalación de cámaras para a vixilancia, control, regulación e disciplina do tráfico no municipio. O goberno local confía en que estas dúas medidas “sirvan para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Carral, garantindo unha maior seguridade, sobre todo na situación actual”.

Estes dous axentes municipais incorporaranse á Policía Local como funcionarios en prácticas. A previsión é que tomen posesión o 24 de maio para o seu inmediato ingreso no curso formativo impartido pola Academia Galega de Seguridade. Unha vez rematen o programa de formación -de 9 meses de duración- os dous axentes tomarán posesión definitiva como funcionarios de carreira na Policía Local de Carral.

As condicións de seguridade veranse incrementadas, ademais, coa instalación de varias cámaras de vixilancia. Estes elementos servirán para vixiar, controlar e regular o tráfico e favorecerán a xestión das principais incidencias que se suceden nos viais do municipio.

O núcleo urbano de Carral experimentará unha reurbanización completa. Todo grazas ao proxecto que o Concello executará no centro -no tramo que discorre pola N-550- e que supoñerá unha importante mellora para a seguridade e mobilidade peonil e un estímulo para o consumo no comercio e a hostalería da zona. O alcalde de Carral, Javier Gestal, acaba de aceptar a subvención por parte do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía – IDAE- co que se sufragarán estas intervencións.

O plan de reurbanización incluirá a ampliación das beirarrúas, a renovación da iluminación pública, a mellora dos pasos de peóns e a reordenación das zonas de estacionamento no centro de Carral.

O proxecto executarase cun orzamento de 1.416.983,53 euros. Ao tratarse dunha subvención do IDAE, o Concello tería que asumir 283.396,71 euros. Segundo a reunión mantida entre o rexedor e o concelleiro de Urbanismo co presidente da Deputación da Coruña, o organismo provincial comprometeríase a achegar a parte do Concello. Desde o goberno local informan de que están a contactar cos bancos para conseguir o financiamento necesario para facer fronte a este proxecto dada a situación económica do Concello.

A través do ciclo ‘Papeques’, Carral vivirá unha semana de teatro, música, cine e contacontos para os cativos e cativas da casa. O programa, que comezou o pasado 7 de maio, ofrecerá ao longo desta e das vindeiras semanas, proxeccións, funcións teatrais, música e contacontos.

A oferta semanal arrincará mañá, xoves 20 de maio ás 18.00 horas, na Casa da Cultura. A agrupación Talía Teatro aterrará no municipio coa súa obra “Rosa Caramelo”. A compañía falará, durante a función, dos roles e estereotipos de xénero contando a historia dunha elefanta que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo.

O venres, 21 de maio ás 18.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a proxección da película “La familia Adams”. No filme, os membros desta peculiar familia estanse a preparar para unha festa mentres agardan a chegada doutros parentes.

Lydia Botana traerá a Carral “A feira das linguas”, un espectáculo que mestura música e teatro dirixido a nenos e nenas maiores de 7 anos. Será este sábado, 22 de maio ás 18.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio.

Por último, o grupo de música Mamá Cabra tomará parte tamén nesta 4ª edición de ‘Papeques’ co seu obradoiro de arrolos, dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos. O evento levarase a cabo o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio.

As actividades levaranse a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Así, as entradas –de balde- serán limitadas co fin de garantir a distancia interpersoal entre o público asistente e os aforos. As persoas interesadas poderán obter os seus convites chamando ao 981 67 25 80 -72 horas antes da celebración da actividade-.

‘Papeques’ conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e da Xunta de Galicia por medio de Ler conta moito

Como parte da campaña do Colexio Oficial de Farmacéuticos e a Consellería de Sanidade, as dúas farmacias de Carral ampliarán desde mañá, mércores 19 de maio –ás 15.00 horas- o rango de idade para a realización de probas de saliva. Estes tests comezarán a facerse ás persoas de 12 a 64 anos para detectar posibles casos de asintomáticos pola covid-19 entre a veciñanza. 

Os interesados ou interesadas en participar neste cribado poderán recoller a súa proba, de xeito gratuíto, a partir de mañá mércores, 19 de maio. As persoas menores de idade deberán levar un xustificante ou ir acompañadas dos seus titores legais. En todo caso, todas as persoas que desexen someterse a esta proba deberán levar a súa tarxeta sanitaria. Na propia farmacia daráselles as instrucións para realizar este test de forma correcta.

O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas. Esta data, escollida pola Real Academia Galega, coincide coa publicación, en 1863, de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Máis que nunca queremos celebrar o día das nosas letras e unha boa maneira de facelo é achegar ós lectores libros na nosa lingua.

Na Casa do Concello, no edificio social Toñito Espiñeira ou na Casa da Cultura está á disposición dos veciños unha selección de obras en galego como agasallo e como homenaxe ós nosos autores.