Pazo de Ribeira

pazo-ribeira

O Pazo está situado no lugar da Ribeira, na parroquia de San Pedro de Quembre á beira do río Barcés e preto de Ponte Lago. A leira é percorrida polo río, na que destacan os xardíns con laberintos de buxos, e as tres fontes de pedra. A vivenda é un caserío de planta rectangular cuberta de tella a catro augas, realizada en *cachotería con cantería en xambas, dinteis e esquinas. Máis adiante engadiuse unha galería de madeira pintada en branco. Na fachada que dá ó xardín ten un escudo coas armas dos Salazar e dos Alvarado. A capela esta dedicada a San Xoán Bautista.

Pazo de Esperante

pazo-esperante

O Pazo de Esperante está situado no lugar de Esperante na parroquia de San Pedro de Quembre. Trátase dun volume paralelepípedo disposto en dúas plantas. Na mesma propiedade engádense dous edificios con funcións de hórreo-cocheira e almacén, os materiais empregados son pedra de cachotería e unha teixa árabe na cuberta. Cabe destacar tamén o Xardín e os catro escudos.

Pazo das Cadeas

pazo-cadeas

Chamado así por contar na súa porta cunhas grosas cadeas. Atópase en Herves de Abaixo, na parroquia de Beira. Este privilexio foi concedido en 1680 polo rei Carlos II á dona do pazo, Dona Bernarda de Ulloa, que acollera durante unha noite á que sería a segunda esposa do rei español, Dona María Ana de Neoburgo, que se dirixía a Madrid para reunirse co seu prometido.

Hoxe en día aínda existen as cadeas, e tamén se recordan moitas lendas que as teñen por protagonistas. Dise que aquel que cometese un delito lonxe da parroquia e tocase as cadeas do pazo antes de que o collesen, quedaba libre; ou que naquelas agresións xurdidas nas parroquias, o agresor que tocaba as cadeas antes de ser atrapado, quedaba libre de pena.

O primeiro dono que se lle coñece ao Pazo das Cadeas é Don Rodrigo de Basante ou Basanta, rico comerciante que dotou de armamento a expedición ó Río da Prata que partiu de A Coruña o 15 de marzo de 1526. Dende aquela sábese que o pazo foi propiedade das familias Quiroga, Valdés ou Quindóns.

Nas guerras carlistas foi utilizado como prisión, e actualmente o pazo queda en bo estado de conservación, máis transformado nas súas estruturas.

Pazo de Vilasuso

Pazo de Vilasuso

Está asentado no fermoso val de Barcia, no lugar de Vilasuso na parroquia da Santiago do Sumio. Este edificio é de estilo barroco e ten amplas proporcións, de planta angular, con dous corpos da fachada principal en escuadra. Nun lateral en ángulo recto, está situada a capela. Na parte superior está a cociña, destacando a lareira. Entre as altas torres da fachada principal ten un escudo que reprenda os Vilardefracos, Bermúdez de Castro, Salgado, Santiso, Lobera e Mariño.

Neste pazo residiron importantísimos persoeiros, como por exemplo: Juan Francisco Santiso, fillo do fundador do pazo, Gobernador Xeral de Tucumán (Arxentina), que xogou un papel importante na conquista de América e na loita contra os indíxenas; Juan de Santiso, Cabaleiro de Santiago e Gobernador de Cádiz; Alonso de Moscoso, Chantre da Catedral de Tui; José de Avellaneda Manrique e Santiso, Capitán General de Castilla la Vieja, Diego Osorio y Escobar, Bispo de Puebla de los Ángeles en Nueva España (México) e tamén Virrey de Nueva España; Juan Queipo de Llano, Arcebispo de Chiarcas (actual Bolivia); Álvaro de Navia, Marqués de Santa Cruz de Marcenedo e Capitán General de Orán; ademais de conselleiros de Castilla, canónigos, etc.

Pero sen dúbida un dos persoeiros máis importantes vencellados a Vilasuso serán D. Francisco Bermúdez de Castro y Sangro Moscoso y Miranda, e o seu bisneto o Marqués de Guad-El-Jelú.

Francisco Bermúdez de Castro ocupou diversos cargos militares e políticos. Na Guerra  da Independencia xoga un papel importante para Galicia, xa que acada como embaixador que o rei de Inglaterra, Jorge III, mande armas, municións, prendas de vestir e calzado para os combatentes galegos. Consegue ademais que a Mariña inglesa protexa as costas galegas  e as rutas dos correos marítimos, e que o Marqués de la Romana volvera para defender Galicia.

En representación da provincia de Betanzos foi un dos deputados asinantes da Constitución de Cádiz. Foi soterrado na Capela de San Miguel da igrexa de Santiago de Sumio.

Pola súa banda, Pedro Sangro y Ros de Olano, Marqués de Guad-El-Jelú, foi un distinguido sociólogo e académico da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, e un dos fundadores da Sociedade española para o progreso social. Ademais chegou a ocupar o cargo de Ministro de Traballo de 1930 a 1931.

O xardín deste pazo foi deseñado no século XIX polo prestixioso xardineiro francés Mathias Thieble, e dispón dun labirinto de buxo, fontes, un fermoso camiño de camelias e unha gran variedade de especies, tanto autóctonas como procedentes de territorios de climas cálidos.