XVIII TORNEO DE XADREZ DE NADAL EN CARRAL.

posted in: Novas Concello | 0

A concellería de deportes espera uns 50 inscritos para o torneo do 22 de decembro.

 SONY DSCDentro da programación deportiva do Nadal, o Concello de Carral, organizará este sábado 22 de decembro o “XVIII Torneo de Xadrez de Nadal“. Coa súa 18ª edición, esta competición  xadrecística consolídase como un clásico dentro da programación de Nadal do Concello de Carral.

Na anterior edición foron 45 os inscritos de toda a comarca; Carral, A Coruña, Cambre,  Arteixo, Ordes, etc., destacando como dato importante o alto número de nenos/as que tomaron parte neste evento deportivo, e que agardamos repetir ou superar nesta 18ª edición.

O torneo, disputarase na Casa da Cultura de Carral e constará de 7 roldas, en partidas rápidas de 10  min.+2 segundos de cadencia por xogador, divididos en 4 categorías ( sub-10,  sub-14, absoluto e mellor local). Comezará ás 16.00  h e rematará ao redor das 20.00  h, momento no que terá lugar a entrega de premios aos finalistas de cada categoría.

O obxectivo fundamental que se marca o goberno municipal coa realización deste evento deportivo é o fomento do deporte entre toda a poboación, e máis concretamente un deporte tan “minoritario” como é o xadrez.

Para todos aqueles interesados en participar, o prazo de inscrición remata o vindeiro 21 de decembro, e poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672 580 ou no e-mail deportes@carral.es.