XURXO ALONSO GAÑA O XXII CERTAME DE POESÍA “CONCELLO DE CARRAL”

posted in: Novas Concello | 0

Xurxo Alonso, coa súa obra En luz escrita resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.

Xurxo AlonsoO xurado salienta neste poemario a súa sólida arquitectura, a forza intensional do conxunto e a admirable estratificación conceptual do discurso, inzado de citas, homenaxes e intertextualidades que entroncan este texto coa mellor tradición galega e foránea. Tamén si, o xurado destacou a singular voz poética que espella nun léxico celmoso, o perfilado de visopoemas que recrean unha moi particular e xenuína atmosfera luminosa e a concepción xeral do poemario como un mecano de magnífica orquestración sinfónica.

No ano 2004, Xurxo Alonso xa gañara este premio co libro Breviario de Aldemunde.

O xurado do concurso estivo formado por Inma Otero, Armando Requeixo e Xabier Cid, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 44 poemarios.

O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

Xurxo Alonso (Bos Aires, 1956) é pintor ademais de poeta. Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, formouse na súa faceta plástica nos obradoiros de importantes artistas como Josep Guinovart, Manuel Alcorlo, Bonifacio Alonso e Bruce McLean. No eido poético, Alonso ten obtido boa parte dos galardós máis importantes de Galicia: Francisco Añón (1998), Xoán de Requeixo (1999), Avelina Valladares (2000 e 2018), Feliciano Rolán (2001), Johán Carballeira (2001), Fermín Bouza Brey (2003), Concello de Marín (2007), Concello de Ourense (2016) e Díaz Castro (2018). O seu libro máis recente é No interior do vento, publicado por Edicións Fervenzas e que resultou gañador do Premio Avelina Valladares.

O acto de entrega do premio “Concello de Carral” terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2019. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, As bicis de Xabier Cid. Como remate a esta homenaxe á poesía, a compañía Teatro do Atlántico presentará o seu espectáculo poético De abrentes e ocasos.

Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral,  a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.