XOSÉ LUÍS MOSQUERA CAMBA RECIBE O PREMIO CONCELLO DE CARRAL DE POESÍA

posted in: Novas Concello | 0

Nun acto que se desenvolveu na Casa da Cultura, o alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, entregou o 20º Premio de Poesía Concello de Carral ao autor bergondés, Acto Premio Poesía Carral 2017 - 19w Xosé Luís Mosquera Camba, que xa fora premiado neste certame na súa décima edición. Na presente convocatoria gañou co poemario titulado Das árbores tropicais e do amor, que o xurado cualificou como “un poemario de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado.”

Mosquera Camba recibiu o premio económico de 2500 euros e unha peza do escultor Miguel Couto. O seu poemario publicarase no 2018 na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

No mesmo acto presentouse o libro gañador na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga. O libro, que estará dispoñible nas librarías a partir dos vindeiros días, foi presentado polo editor Miguel Anxo Fernán Vello e polo propio autor, e supón un cambio estilístico na traxectoria literaria do escritor fisterrán. É un libro escrito con voz de muller, no que repasa algunhas das principais loitas sociais e feministas que se están a dar no mundo.

O acto do 20º Premio de Poesía de Carral, que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, serviu taménActo Premio Poesía Carral 2017 - 43w para presentar o documental sobre as dúas décadas de vida deste certame, e que a partir da semana vindeira estará dispoñible para o seu libre visionado na internet.

A parte musical do acto correu a cargo do cantante portugués afincado en Galicia, Gonçalo Guerreiro, que presentou algunhas cancións do seu recente álbum titulado Ar.