XOSÉ LUÍS MOSQUERA CAMBA GAÑA O XX CERTAME DE POESÍA “CONCELLO DE CARRAL”

posted in: Novas Concello | 0

Xosé Luis Mosquera Camba 100pppO poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba, obtén por segunda vez o premio do Certame de Poesía Concello de Carral, co libro titulado Das árbores tropicais e do amor e que presentou co seudónimo Sula Bassana.

Mosquera Camba xa fora premiado na edición décima do concurso co poemario Nadja c´est moi, publicado, ao igual que os restantes libros premiados, en Edicións Espiral Maior.

O xurado do concurso, que se reuniu onte na Casa da Cultura de Carral, estivo formado por Teresa Seara, Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios.

O xurado salienta a alta calidade dun bo número dos traballos presentados, sendo moitos deles merecentes de se publicar. Da obra seleccionada salienta que é un poemario de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado.

O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Devalar sen pel de Modesto Fraga. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Por mor do vixésimo aniversario deste certame literario, o Concello de Carral ten previsto varias actividades para repasar estas dúas décadas de promoción da poesía galega. O 10 de maio preséntase unha exposición nos exteriores da Casa da Cultura no que se repasan os autores e obras premiadas no certame. A mostra permañecerá ata o 4 de xuño. E por outra banda, no acto do 26 de maio estrearase o documental sobre a traxectoria do concurso carralés.